Preto de 200 persoas danse cita en Allariz para impulsar a produción agroecolóxica

OurenseXa
Allariz acolle, dende este venres e ata o domingo, 20 de outubro, a segunda reunión anual do movemento 'Plantámonos'
tomates-recurso
18 Out 2024

Dende este venres 18, de outubro, e ata o vindeiro domingo día 20, o movemento estatal 'Nos Plantamos/Plantámonos', integrado polo Sindicato Labrego Galego, Amigas da Terra Galiza e outras organizacións de todo o Estado, celebrará a súa segunda reunión anual en Allariz.

Entre os obxectivos deste encontro destaca a construción dunha axenda colectiva do movemento, a identificación de estratexias de denuncia dos impactos territoriais da agricultura e a gandería industriais, así como poñer sobre a mesa a agroeocoloxía no marco da Soberanía Alimentaria como alternativa á agroindustrialización da produción de alimentos.

Canda formaciós en materia de comunicación e estratexias de mobilización, as participantes articularanse en grupos de traballo sobre temas específicos, como as loitas territoriais na defensa dunha alimentación sa e saudábel para as persoas e o medioambiente ou as ameazas sistémicas que dificultan o avance dos modelos de produción agroecolóxicos. Asemade procederase tamén a analizar a estruturación interna do movemento para avanzar no seu fortalecemento.

Co fin de coñecer de primeira man os impactos da produción industrial de alimentos, na xornada do domingo 20 terá lugar un “Toxic Tour” aberto á cidadanía e que partirá da Torre da Pena ás 10.30 horas. Este percorrido permitirá obter unha panorámica dende o alto da chaira da Limia e do emprazamento da antiga lagoa de Antela, coñecendo a través da exposición de Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e científico do CSIC, o proceso sufrido pola chaira da Limia dende a seca da lagoa. O percorrido tamén pasará pola estación de aforo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil no río Limia, onde poden percibirse con claridade os efectos da sobre explotación da Limia no propio río.

Dende o movemento estatal 'Nos Plantamos/Plantámonos' “procuramos facer forza común para avanzar nun sistema de produción que contemple a alimentación como un dereito, non como unha mercadoría, e asuma a responsabilidade de desenvolverse situando a Vida no centro” explican. “A agroecoloxía e o lexítimo dereito dos pobos á súa soberanía alimentaria son os eixos principais desta folla de ruta colectiva, cada vez máis secundada, que esta fin de semana xuntará na Galiza activistas e organizacións de todo o Estado para seguir sementando un futuro alimentar que respecte ás persoas e ao medio ambiente”, sinalan desde a organización.

0.1194269657135