Preto dun cento de profesionais sanitarios de saúde mental reuníronse nas II Xornadas Clínicas de Primavera Cadillac-Piñor

O Hospital Universitario de Ourense acolleu este venres as II Xornadas Clínicas de Primavera Cadillac-Piñor, que reuniron a preto dun centenar de profesionais sanitarios do sector de saúde mental, nunha iniciativa que consolida a colaboración co centro psiquiátrico de Cadillac, en Burdeos, e que este ano céntrase na relación co paciente e a abordaxe plural multidisciplinar de casos complexos infanto-xuvenís e de adultos.
Este ano as xornadas creceron sumando á asistencia dos profesionais franceses e de Ourense a psiquiatras, psicólogos, enfermeiras, técnicos de coidados auxiliares, traballadores sociais ou persoal docente e en formación (MIR, PIR, EIR) do resto de Galicia e doutas comunidades autónomas como Aragón ou Cataluña.
Esta iniciativa xurdiu no marco de colaboración que o Servizo de Psiquiatría de ambos centros desenvolven, con encontros en novembro en Cadillac e en primavera en Ourense, sempre co obxectivo de intercambiar experiencias na atención directa aos pacientes e na análise de casos clínicos.
En concreto este ano as Xornadas tiveron por obxectivo coñecer as particularidades da atención na institución, e da transferencia de coñecementos en rede na atención os pacientes, así como as utilidades da “práctica entre varios” abordaxe coa que se exporán e analizarán conxuntamente tres casos clínicos. Un do equipo Cadillac e dous das Unidades Infanto-Xuvenil e Piñor. Igualmente, ao remate da xornada de mañá crearase un espazo de conversación clínica, na que participarán profesionais da Associació TEAdir de Barcelona, do Hospital de Día “L´ile Verte” de Cadillac e de Piñor.
Como explica Chus Gómez, xefa de sección de psiquiatría en Piñor e unha das organizadoras desta iniciativa, a “práctica entre varios” implica “establecer unha atención psicoterapéutica específica para cada paciente a cargo, apostando pola clínica individualizada, que foxe do xeral e que implica unha orientación de traballo compartida por todo o equipo terapéutico interveniente”, e subliña que trátase de “poñer no centro da atención ao paciente en cada caso, único e irrepetible”.
Consolidación das xornadas
A do pasado ano foi a primeira xornada celebrada en Ourense tras a sinatura en Cadillac dun convenio de colaboración entre as instutucións sanitarias de Ourense e Burdeos, cunha duración de tres anos, que permitiu “oficilizar” un marco de colaboración entre as dúas institucións, facilitando o intercambio de residentes en formación (psiquiatría, psicoloxía e enfermería especialista en saúde mental) como modo de compartir experiencias e saber teórico.
O Comité organizador está integrado por Chus Gómez, e pola xefa do servizo de psiquiatría da Área de Ourense, Verín e Valdeorras, María Tajes, ademáis dos psiquiatras Antón Casais e Alcira Cibeira, tamén de Piñor; Esteban Morilla, xefe do servizo de Psiquiatría do Centre Hospitalier de Cadillac (Burdeos) Luisa Peleteiro, psiquiatra do Hospital Universitario de Santiago, e Elena López, MIR de Psiquiatría en Ourense.
Intercambio de persoal en formación
Desde a sinatura do convenio, dúas enfermeiras residentes (EIR) de saúde mental, fixeron unha estadía clínica no Hospital francés de Cadillac e, posteriormente, a elas sumouse tamén unha das organizadoras, Elena López Serapio, que remata este ano a súa formación MIR en psiquiatría, e valora moi positivamente esta experiencia, destacando o seu paso polos hospitais de Día de Saúde Mental de Cadillac, no que se abordan de xeito innovador a atención a menores con trastorno mental grave.
O Centro Hospitalario Cadillac conta con tres hospitais de día: dous para adolescentes entre 12 e 17 anos e un para nenos de 4 a 12 anos. Neste último, coñecido como “L’ile Verte”, presta atención a menores con trastorno do especto autista (TEA) e alteracións da conducta graves que precisan un coidado altamente especializado.
A esta estadía de tres meses contribuiu a bolsa internacional da Asociación Galega de Psiquiatría e a Fundación María José Jove, destinada aos residentes de terceiro ou cuarto ano que estiveran no período de rotación libre do programa MIR na especialidade de psiquiatría.
A saúde mental infanto-xuvenil e unha preocupación crecente. De feito o Servizo Galego de Saúde incrementou os recursos destinados a este sector poñendo en marcha ou ampliando o persoal e as Unidades de Saúde Mantal Infanto-Xuvenil, por medio dun Plan de Saúde Mental, polo que a colaboración e intercambio de experiencias cos centros e profesionais do resto de Europa neste eido son de vital importancia.