Profesionais dos servizos sociais de 91 municipios ourensáns participaron nunha xornada sobre dixitalización

A Deputación de Ourense, a través da Área de Benestar, desenvolveu no Pazo de Guizamonde –sede de Proxecto Home en Ourense– unhas xornadas de traballo dirixidas aos profesionais dos servizos sociais comunitarios dos 91 municipios da provincia menores de 20.000 habitantes.
O obxectivo da xornada de traballo da área de Benestar foi compartir coñecemento e experiencias relacionadas coa transformación dos servizos sociais a través da innovación, a dixitalización e a interconexión; así como para presentar as novidades dos programas 2025 xestionadas desde a área de Benestar provincial.
As diversas ponencias e encontros enmarcáronse nunha contorna tecnolóxica en constante evolución, as administracións locais, e en especial, os departamentos de políticas sociais que prestan servizos ás persoas no marco da “economía dos coidados”, enfróntanse ao desafío de dixitalizar, optimizar e integrar os procesos administrativos de solicitude, xestión e xustificación dos mesmos.
No acto de apertura das xornadas, o presidente provincial, Luis Menor, destacou “o gran labor das entidades sociais alá onde o sector público non chega”, poñendo en valor a elección do lugar da sede de celebración do evento para visibilizar o traballo de Proxecto Home a prol da reinserción social.
Menor subliñou que o programa de entidades sociais da Deputación de Ourense incrementarase neste 2025 ata os 300.000 euros, que se suma ao programa de axuda a infraestruturas no terceiro sector e que implica un investimento dun millón de euros, permitindo cooperar con éxito coas entidades sociais da provincia. “Hai un denominador común: a transformación tecnolóxica, a modernización e a innovación destes servizos”, dixo o presidente provincial sobre estas iniciativas de Benestar.
O presidente provincial anunciou que nas próximas semanas, as entidades
coñecerán o novo modelo tecnolóxico de cooperación coa administración.
“Pechamos un modelo orientado aos documentos e abrimos un modelo orientado ao dato, será un punto de inflexión na relación coas entidades sociais”, apuntou Menor.
Ademais, Menor agradeceu o labor do “gran capital humano” da área de Benestar para ofrecer solucións á cidadanía.
Melloras no SAF
O presidente provincial fixo un repaso de actuacións da Deputación en materia social como o Servizo de Atención no Fogar (SAF) básico, sobre o que sinalou a novidade de empregar o remanente do servizo que concellos non cheguen a empregar para que outros municipios que o precisen se beneficien desa inversión.
Detección “ao minuto” da soidade
Durante as xornadas tamén se falou da posta en marcha do padrón online, que permitirá coñecer a evolución da poboación municipal en tempo real. Neste senso, Menor anunciou a intención da Deputación de elaborar un observatorio que permita “detectar ao minuto ás persoas que viven soas a partir deste padrón, cun dato certo”.
Ampliación da teleasistencia
Sobre a teleasistencia provincial, o presidente lembrou que o compromiso para este ano é de 560.000 euros para a súa prestación e sinalou a aspiración de “ser a provincia de España con maior cobertura da teleasistencia domiciliaria para persoas non dependentes”. Tamén fixo referencia á posta en marcha da solicitude do servizo dende os hospitais públicos da provincia.
Ademais, Menor falou das axudas técnicas para adaptar vivendas de maiores de 65 anos en concellos rurais, aprobadas na xunta de goberno da Deputación deste luns. Estas subvencións serán de 2.000 euros para cada beneficiario.
Termalismo social no balneario de Allariz
As novidades en programas como o de fomento da natalidade, ChegOU e o termalismo social son algunhas das iniciativas que tamén se abordaron nestas xornadas para profesionais.
Nesta área termal, concretou que no mes de xuño, no balneario de Allariz, comezará a primeira experiencia posta en marcha en España do termalismo contra o deterioro cognitivo leve.