PSOE e BNG fan unha valoración do seu ano de goberno na Deputación

OurenseXa
Os socialistas afirman que marcan o ritmo do goberno e o BNG pon en valor os logros históricos
valoracion do psoe no seu primeiro ano na deputacion
O PSOE na conferencia de prensa
19 Xul 2024

O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE pasou revista deste primeiro ano de mandato na Deputación de Ourense, amosándose “satisfeito” e destacando “os logros” acadados durante este período “grazas ao traballo das e dos deputados socialistas”. Para o voceiro socialista, Álvaro Vila, “os comicios de 28 de maio de 2023 sancionan unha nova realidade na Deputación, da que o PSdeG-PSOE é moi consciente, non contando o PP con maioría absoluta e, polo tanto, abríndose grandes oportunidades para a mellora das condicións dos concellos e da veciñanza da provincial”. Neste senso, proseguiu Vila, “fomos quen de marcar o ritmo da Deputación, fixando prioridades e condicionando na medida do posible políticas determinantes para o presente e futuro da nosa provincia”.

Malia o descenso da representación, pasando os socialistas de nove a sete deputados provinciais, o grupo do partido da rosa na Deputación aumentou a súa presenza nas comisións informativas, pasando de tres a catro membros, e “aumentando a cadencia de acción a todos os niveis”. Vila, que durante a rolda de prensa estivo acompañado das deputadas e deputados da súa formación, evocou a multiplicación de rogos, preguntas e demandas de información, conformándose como grupo máis activo en canto a mocións presentadas a Pleno, cun total de 17, duplicando mesmo as iniciativas do PP. Amais, Vila destacou como, a través de intensas negociacións sobre a base de propostas socialistas, conseguiron darlle a volta a situacións perniciosas para Ourense.

O logro do Plan Único de financiamento

Vila fixo especial fincapé no “logro” do Plan Único de financiamento, “que arrincamos do PP, pasando páxina de décadas dun sistema que privilexiaba a uns determinados concellos amigos en detrimento de outros, que eran doutra cor política”. “Desde o mesmo momento da toma de posesión, durante o mes de agosto de 2023, puxémonos a traballar nunha proposta de financiamento para os concellos baseada en criterios obxectivos, xustos e equitativos, que foi presentada ao grupo de goberno do PP a comezos de setembro do pasado ano”, explicou o voceiro socialista.

“A nosa proposta aspiraba á mobilización do 22% do orzamento da Deputación para distribuír equitativamente entre concellos, representado arredor de 20 millóns de euros, fronte aos 12 millóns de euros cos que o PP arrancou a negociación”, desvelou Vila. Segundo este, “contemplabamos unha cantidade fixa por concello, de 100.000€, e un variable sobre criterios obxectivos como demografía, núcleos de poboación, superficie e índice de envellecemento”. Finalmente, acadouse un compromiso por un monto inicial de 20 millóns de euros: 17 millóns de partida e tres máis vía modificación orzamentaria.

“O obxectivo de lexislatura era chegar aos 23 millóns de euros, que obtivemos xa en abril, condicionando a nosa abstención á mobilización de recursos adicionais no marco do Plan CoperOu”, engadiu este. “Este novo plan de financiamento representa un antes e un despois para os concellos, acadando que todos os municipios dispoñan de fondos para desenvolver a súa actividade, independentemente de quen goberne”, dixo Vila.

Para este, “antes os plans provinciais repartían 77.000€ por concello, quedando o groso de financiación supeditada ao prace do presidente da Deputación vía subvencións nominativas que rara vez chegaban a concellos non gobernados polo PP”. Concellos socialistas como Entrimo, Amoeiro, Verín, Taboadela, Ramirás, Melón, Maside, Castro Caldelas, Carballeda de Avia, Calvos de Randín e Barbadás non recibían un só euro na modificación de crédito de febreiro de 2023.

Equidade e transparencia na Deputación

Durante a rolda de prensa, os socialistas debullaron os eixos que guiaron até o de agora a súa acción de oposición, privilexiando iniciativas a prol dunha meirande equidade e a transparencia na acción de Deputación, poñendo por riba de todo a prestación de servizos de calidade para toda a veciñanza, independentemente do seu lugar de residencia, “para que non haxa cidadáns de primeira e de segunda, sen deixar a ninguén atrás”. Álvaro Vila destacou as propostas socialistas para rachar co pasado da Deputación instaurar procedementos equitativos, “onde non pesen as afinidades políticas e vontade de quen ocupa o poder”.

Vila puxo varios exemplos, como a asignación de tractores-rozadoiras aos concellos por rigorosa orde de solicitude, a negociación do Plan Provincial de Estradas anual da Deputación, ao que se destinarán a partires de agora 4,5 millóns de euros para actuacións baseadas en criterios técnicos obxectivos, segundo as necesidades dos municipios; a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Deputación, que agora inclúe reivindicacións socialistas para maior claridade ou a modificación, adecuación e actualización do Regulamento Orgánico da Deputación, “máis acaído coas novas realidades, avanzando cara máis transparencia de cara a sociedade e apuntalando o valor traballo dos grupos, sen marxe para adulterar as iniciativas”.

BNG

Para o grupo provincial do BNG na deputación Ourense, transcorrido un ano do mandato 2023-2027, evidenciase a falta interés pola rexeneración da institución, e do territorio que xestiona, no que a pesar de avances no reparto de fondos ós concellos, froito da febleza organizativa e institucional e un apoio social cada vez máis minado e evidente ao PP de Ourense. Esta liña de reparto equitativo de fondos non foi aplicada o resto de actores da Provincia (asociacións, entidades, ...)

Así atopámonos, sinala o Bernardo Varela voceiro do grupo provincial de Ourense, con cambios no modelo de reparto de fondos do ente provincial que distan aínda do que dende o BNG consideramos debería ser un estandar do século XXI, unhas contas coas que non se pensa compensar os anos de desfeita económica que o PP provocou co seu modelo de reparto aos concellos de Ourense e que nos levou a unha calamitosa situación demográfica, económica e social.

Tamén foi suficiente, continúa sinalando o voceiro nacionalista, un ano de mandato para evidenciar que determinadas prácticas do PP na Deputación sexa de Baltar ou de Menor, se van manter no tempo, así o reflexan os Orzamentos cun gastos de funcionamento que superan o 60% o cal limita a capacidade de actuación por parte da institución. Outro obstáculo é o clientelismo na deputación provincial, que segue en boa medida a estar ó servizo do Partido Popular, como se se tratara dunha extensión das súas filas e non dunha institución pública o servizo dos intereses da cidadanía.

Desde o BNG entendemos que debe mudar a orientación das políticas provincias, que permitan por un lado unha maior autonomía aos Concellos, Entidades e Asociacións. Ao tempo que se prioricen campos de actuación que promovan o desenvolvemento do Territorio, sendo necesario reclamar ante as administracións supraprovincias (Xunta, Estado e Europa) o que en boa medida se nos ten negado o longo dos anos, sen que temble o pulso. “Impulsando políticas activas de aproveitamento en favor da sociedade Ourensá de recursos tan importantes como a enerxía e a posta en valor dos territorios agrícolas e gandeiros abandonados, así como a mellora das infraestructuras e os servizos.”

E nesto botamos de menos unhas políticas verdadeiramente reivindicativas frente o Goberno da Xunta e incluso o do Estado. Sinalou Varela, que indicou que “O BNG seguirá a traballar por un maior protagonismo das comarcas e concellos de Ourense e a xestión dos recursos do territorio en favor dos seus habitantes.”

0.20807909965515