Raigame completa o seu ciclo de arqueoloxía

OurenseXa
O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo vén de publicar o número 47 desta revista que, xunto aos anteriores 45 e 46, completa a serie de tres exemplares adicados aos traballos arqueolóxicos na provincia
Raigame
Revista Raigame
27 Feb 2024

O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense vén de publicar o número 47 da revista Raigame que, xunto cos anteriores 45 e 46, completa o ciclo de tres exemplares dedicados á arqueoloxía na provincia de Ourense. Na presentación desta publicación participaron o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o director do CCP Xaquín Lorenzo, Xulio Fernández Senra; e o catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rodríguez Colmenero.

Rosendo Fernández destacou na súa intervención a importancia deste conxunto de publicacións, e avanzou a próxima edición única dos tres exemplares en conxunto, “que quedará como un magnífico e completo traballo sobre a arqueoloxía da provincia de Ourense, a través de profesionais de recoñecido prestixio e excelencia no seu labor”.

Logo da presentación, tivo lugar unha mesa redonda baixo o título “A arqueoloxía na provincia de Ourense. Situación actual e perspectivas de futuro”. Nela participaron Martiño X. Vázquez, arqueólogo e membro do Xeitura-Xestión integral do patrimonio, que exerceu de moderador da mesa; Antonio Rodríguez Colmenero, catedrático emérito da USC; Manuel García Valdeiras, do Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura; J.M. Eguileta, arqueólogo municipal do Concello de Ourense; e Adolfo Fernández, doutor en Arqueoloxía da Universidade de Vigo.

Riqueza arqueolóxica da provincia

Este novo número incide na riqueza arqueolóxica da  provincia e dá conta de intervencións  xa feitas, outras en proceso de execución e  algunha que están por chegar.

Así,  José Mª Eguileta dá a coñecer o megalitismo en Ourense; un grupo internacional de arqueólogos divulgan as minas de estaño de As Muradellas de Baltar; David Pérez e Celso Barba disertan sobre os celeiros de Outeiro do Castro a cabalo entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía; o Grupo de Estudos Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo analizan o xacemento do Muro de Búbal (Monterrei-Oimbra) e o seu proxecto de restauración e posta en valor; David Sabucedo, da Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén lembra a existencia do gran Castro de Trelle nos lindes dos concellos de Toén, Barbadás e Cartelle; con Martiño Vázquez e Manuel García propoñen unha viaxe até o medievo e o mosteiro de S. Xoan de Camba, en Castro Caldelas; e a revista péchase cunha reflexión de Israel Barandela sobre os gravados rupestres prehistóricos.

Este percorrido pola provincia de Ourense, xunto cos outros xacementos tratados nos dous anteriores números da revista Raigame, poñen de relevo o valor e interese arqueolóxico do noso territorio e o traballo que Xunta, Deputación, Concellos, Universidades e o Museo Arqueolóxico de Ourense levan facendo nos últimos tempos. Igualmente, este número pretende recoñecer o traballo dos profesionais que se dedican á arqueoloxía e presentar as posibilidades turístico-culturais que esta ofrece.

A revista, cunha tirada de 700 exemplares, distribuída gratuitamente a bibliotecas, museos, centros culturais e centros educativos, tamén pode ser solicitada nas oficinas do CCP Xaquín Lorenzo e no Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense.

0.046252012252808