Raigame: tradición e cultura no corazón de Vilanova dos Infantes

Cada 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, as rúas empedradas de Vilanova dos Infantes énchense de vida. A Romaría Etnográfica Raigame non é só unha festa, é unha viaxe no tempo, un encontro co pasado que se mantén vivo grazas ao esforzo colectivo.
Organizada pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e co apoio do Concello de Celanova, Raigame naceu no ano 2002 co obxectivo de reivindicar as tradicións galegas a través dunha celebración que mestura festa e memoria, cultura e identidade.
A vila medieval de Vilanova dos Infantes convértese cada primavera nun escenario que convida a redescubrir as raíces da cultura popular galga. Enmarcada no proxecto “Celanova, un paseo pola historia de Galicia”, a romaría acompaña outras xoias patrimoniais da contorna como Castromao, San Miguel, o Mosteiro de San Rosendo ou a Casa dos Poetas.
O cancioneiro popular, protagonista desta edición
Durante a xornada, máis de 58 postos ocuparán o interior do burgo, con 40 demostracións de artesáns traballando en vivo. Son zoqueiros, canteiros, tecedeiras, costureiras, oleiros, orfebres ou carpinteiros que, coa súa mestría, converten as rúas nun taller aberto a todos os públicos. Tampouco faltarán os espazos de comida e bebida, onde saborear a tradición é tamén parte da experiencia.
Entre as actividades máis destacadas deste ano están os obradoiros didácticos, nos que se poderá participar activamente no proceso artesanal, e as visitas guiadas temáticas, como a que percorre a vila dende a ollada dos canteiros, organizada pola Asociación “ViaxaMos no Tempo”.
A música e o baile volverán encher cada recuncho. A xornada comezará coa actuación da Escola Provincial de Danza e, ás 13:00 horas, a Banda de Vilanova ofrecerá unha sesión vermú nos campos ao carón da igrexa. Os Danzantes de Vilanova renderán homenaxe á Virxe do Cristal cunha das danzas máis emblemáticas da comarca.
Este ano, o cancioneiro popular é o fío condutor da programación, cunha presenza destacada de grupos de cantareiras e espazos expositivos dedicados á poesía e á tradición oral. Como recoñecemento, entregarase o Premio Adolfo Enríquez ás cantareiras das aldeas de Avión e Beariz, en agradecemento polo seu labor de transmisión do patrimonio musical.
Durante todo o día, haberá actuacións de máis de vinte grupos de música e baile tradicional, ademais de espectáculos de títeres, teatro e contacontos para os máis pequenos. A festa pecharase ás 18.30 horas coa actuación do grupo Castro Floxo, nunha xornada que rende tributo á memoria viva do pobo.