Rebulir: 20 anos poñendo en valor a cultura e a tradición desde Ramirás

Desde Ramirás naceu hai aproximadamente dúas décadas unha das propostas culturais máis sólidas e recoñecidas do panorama galego: a Asociación Cultural Rebulir. Cun traballo constante, colectivo e arraigado na tradición, este colectivo sen ánimo de lucro leva vinte anos desenvolvendo proxectos que combinan divulgación, formación, investigación e espectáculo. O seu compromiso coa cultura tradicional galega é firme e abrangue tanto o ámbito local como o internacional. Así, a través de diferentes iniciativas, esta asociación pretende recuperar a cultura tradicional galega en todos os seus ámbitos: dende o baile e a música tradicionais ata a gastronomía, os xogos populares, as festas e o patrimonio oral.

A Asociación Cultural Rebulir naceu no curso 2005/2006 no Concello de Ramirás, seguindo coa senda aberta anteriormente pola Agrupación Folclórica Sendra, a Banda de Gaitas de Ramirás e a Escola de Baile de Ramirás. Ao longo da súa traxectoria, a asociación participou en festivais e actuacións de carácter autonómico, estatal (incluíndo Canarias, Asturias, Andalucía, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Castela e León, Madrid, Comunidade Valenciana, entre outros) e internacional, con presenza en países como Portugal, Francia, Andorra, Hungría, Austria, Alemaña, Polonia, Suíza e República Checa.
Entre os recoñecementos máis destacados, cabe salientar que en 2018 a Asociación Cultural Rebulir recibiu o Premio ‘Xavier Prado Lameiro’ pola súa contribución á recuperación, difusión e posta en valor da cultura galega. No ano 2019, outorgáronlle o Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural polo seu proxecto do Festival Internacional Rebulir. E, no ano 2024, Rebulir foi seleccionada como grupo representante de Galicia no 53º Festival Intercéltico de Lorient, en Bretaña, Francia.
Rebulir é, ademais dunha asociación cultural, unha escola. A súa actividade formativa está vertebrada por un equipo docente de primeiro nivel, con traxectorias recoñecidas dentro e fóra de Galicia. Alexandre Sotelino, director da escola, vicepresidente da asociación e mestre de baile tradicional, é tamén o director artístico do Festival Internacional Rebulir, e combina a docencia coa investigación e a divulgación, sendo Doutor en Ciencias da Educación. Xunto a el traballan profesionais como Jandro Barciela (gaita e percusión), Sandra González Sousa, presidenta da asociación e mestra de baile e etnografía, Evelyn Álvarez e Alba Faro (canto e pandeireta) ou Álvaro Pérez Marqués (acordeón), entre outros, cun perfil que combina formación académica, experiencia escénica e unha clara vocación pola transmisión cultural.
O Festival Internacional Rebulir: un evento do rural con proxección global

Un dos piares fundamentais da asociación é o Festival Internacional Rebulir, que este 2025 celebrará o seu 20 aniversario. Nado como un humilde festival de Nadal, converteuse nunha cita consolidada con proxección internacional.
“Comezou como un festival pequeno e humilde e, ao final, hai un tempo que se nos foi das mans e actualmente converteuse en algo bastante máis grande”, lembraba Alexandre Sotelino nunha entrevista a este medio. Este evento, que inicialmente nacía con un carácter local, foi medrando ao longo dos anos nun evento de gran calidade que combina tradición, internacionalización e participación comunitaria. Cada ano, o festival medra de xeito sostible, implicando a veciñanza, o tecido asociativo e as institucións.
A implicación das persoas de Ramirás e de toda a comarca é unha das claves do éxito do festival: “O que máis nos chama a atención é que, malia que se trata dun evento de dimensión internacional, as xentes do pobo están completamente involucradas na súa organización. Contamos sempre con moita colaboración da veciñanza, tanto en labores de coordinación como en axuda para as actividades. Moitos dos voluntarios que traballan co festival tamén son veciños que se implican de maneira altruísta”.
De feito, o festival consegue reunir a moitas persoas de distintas partes, con máis de 800 asistentes á súa gala central o ano pasado. A implicación dos veciños e veciñas non é só a nivel de colaboración no evento, senón tamén na súa propia esencia: “Quere ser un lugar onde se fomenten as conexións culturais, onde se busque o que nos une máis que o que nos separa. A nosa idea é poñer en valor as semellanzas entre as culturas, non só as diferenzas”.
Ademais, o festival defende con orgullo o seu carácter rural. “Queremos poñer en valor o rural como un lugar onde tamén se poden organizar eventos grandes e de calidade, e onde se pode dinamizar a economía e o turismo dunha comarca como a de Celanova”, explica.
Aínda que o evento xa ten unha proxección internacional, Sotelino destaca que, a pesar do seu crecemento, o festival segue sendo fiel aos seus orixes rurais e ao seu espírito de comunidade. “A xente goza moito do festival e da súa esencia. Facémolo maioritariamente de forma altruísta, pero sobre todo gozámolo. E mentres sexa así, as cousas saen ben”.

Representando a Galicia
Un dos fitos máis recentes na traxectoria de Rebulir foi a súa selección para representar a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient 2024, en Francia, un dos eventos máis prestixiosos de música tradicional do mundo. A súa participación supuxo o regreso dunha agrupación ourensá a esta cita internacional despois de máis de 40 anos. Xunto a artistas como Carlos Núñez ou Caldo, o grupo levou á Bretaña a tradición galega a través de música, baile e instrumentos tradicionais elaborados no obradoiro da Deputación de Ourense.
Recuperando tradicións
Rebulir non se limita a reproducir o pasado: reinvéntao. Así o demostran iniciativas como ‘Cantamos ó Maio’, un ciclo cultural que aposta pola recuperación e actualización dos Maios na comarca da Baixa Limia – Celanova, combinando tradición e novos formatos, e que arrancou este mesmo sábado cun programa repleto de actividades.
Destacan tamén iniciativas como a Verbena do Rella, que terá lugar o 5 de xullo en Vilavidal, e que se consolida como unha das festas de referencia da comarca. Esta cita busca recuperar a esencia dos antigos bailes, onde a socialización se daba por medio da música tradicional, sen máis artificios. O evento naceu en 2022 da man desta asociación, baixo o nome de Manuel O Rella, afamado gaiteiro da comarca de Celanova, e foi unha forma de continuar co que durante anos foi a ‘Noite de Fiadeiro’. Un proxecto que, como explicaba Sotelino, “acabouse convertendo en algo tan grande que deixou de gustarnos tal e como estaba formulado e tivemos que descartalo e buscar outro formato”. Unha decisión que demostra que todas as actividades que leva a cabo Rebulir están feitas co maior dos coidados e sen deixar de lado a súa identidade.
Espírito colectivo
A clave do éxito de Rebulir está no seu espírito colectivo. Cunha base social de máis de 120 persoas, e coa implicación de familias, veciñanza e máis de 50 entidades colaboradoras na organización do Festival Rebulir, a asociación mantén unha actividade constante durante todo o ano. “Ao final somos amigos e amigas, somos xente que está involucrada no proxecto e temos á nosa xente máis próxima tamén metida nel”.
Rebulir é un exemplo de como, dende o rural, se pode construír un proxecto cultural sólido, participativo e transformador. Un proxecto que honra a memoria, dinamiza o presente e sementa futuro para a cultura tradicional galega.