Roberto Pumar: “Os barrios necesitan vida, e eventos como o Entroido de Frei Canedo son esenciais para iso”

Roberto Pumar, presidente da Asociación Frei Canedo da Ponte, explica as principais novidades do Entroido de Frei Canedo 2025, unha cita que cada ano reúne a miles de persoas no barrio pontino e que este ano contará con cinco días de celebracións.
Como xurdiu a idea de organizar este Entroido?
Bueno, isto xurdiu hai xa 23 anos. Nun principio, decidimos facer unha festa entre amigos, algo pequeno e para nós. Pero xa ves no que derivou todo isto: unha gran celebración para que a disfrute todo o mundo.
Cantos comezastes e cantos sodes agora na asociación?
Sempre digo que o número non é o máis importante, pero bueno, o primeiro ano eramos unhas 35 ou 40 persoas. Co tempo, chegamos a ser 140, e agora rondamos os 55 ou 60 socios, e a verdade é que este número é o ideal para organizarnos ben.
Como foi o paso de facer unha festa entre amigos a convertela na gran celebración do barrio e nunha parte esencial do Entroido de Ourense?
Bueno, cando comezas cunha festa de amigos, o barrio vaise integrando pouco a pouco. E claro, cando ves que á xente lle gusta, decides facer un pouco máis, e logo un pouco máis… E o que empezou sendo unha simple comida, agora son cinco días de festa. O que no seu momento foi un gozo entre amigos, agora é traballo para nós, pero gozo para os demais.
Como vos organizades para preparalo todo?
Levamos xa cinco meses organizándoo. Comezamos con reunións da directiva, que se encarga de planificar todo con antelación. Aínda que cada ano a estrutura é similar, sempre intentamos introducir novidades.
Reunímonos co Concello, negociamos coas orquestras e as actuacións para deixar todo pechado con tempo. Logo, uns dous meses antes, temos reunións xerais con todos os socios para decidir detalles como as actividades ou o percorrido da procesión. Sempre hai axustes e melloras, aínda que a esencia se manteña.
A medida que medra a festa, a loxística complícase. Canta xente agardades este ano?
O ano pasado, segundo datos da Policía Local, pasaron polo Entroido unhas 21.000 persoas ao longo dos días de celebración. Non é que estivesen todas ao mesmo tempo, pero é unha cifra significativa.
Este ano, todo dependerá do tempo, que inflúe moito na afluencia. Ademais, contamos con Cañita Brava para o pregón, e cremos que atraerá a moito público. Pero para nós o importante non é tanto o número, senón que a xente veña, goce e pásao ben.
Este ano hai bastantes novidades. Como está sendo a acollida do concurso de escaparates?
En principio, moi boa. Aínda que moitos comerciantes esperan ata a última semana para preparar os seus escaparates, xa temos cinco inscritos. Tamén mantemos o concurso de comparsas, que iniciamos o ano pasado. Antes, as comparsas viñan a gozar da procesión, pero agora teñen a opción de competir por un premio, que aínda que é modesto, é un incentivo para participar.
Outra gran novidade deste ano é a Festa de Comadres. Que pode esperar a xente deste evento?
A Festa de Comadres levámola facendo desde hai tempo, pero antes era algo máis privado, no noso local. Este ano, como xa temos a carpa montada, decidimos organizar unha cea aberta ao público cun aforo máximo de 200 persoas.
Despois da cea, haberá unha festa con música na carpa, cun dúo e DJs. Aínda que a entrada á cea é limitada, calquera poderá unirse á festa, sempre que haxa espazo. Ademais, a festa celebrarase no Parque do Concello da Ponte, que é moi amplo. Iso si, ao ser xoves, tentaremos non alongar demasiado a festa, porque aínda nos quedan catro días máis de celebración e o venres moita xente traballa.
O luns é o "Día Grande". Por que se celebra o último día do Entroido e non ao principio?
O luns é o día orixinal de Frei Canedo, o día no que comezou todo. Curiosamente, mentres que a maioría celebra o seu día grande en pleno Entroido ou ao inicio, nós facémolo ao final, mantendo esa tradición. Ese día é cando facemos o pregón, bautizamos aos novos confrades e celebramos a procesión polo barrio da Ponte.
Que é o que máis vos gusta desta festa?
Levamos 23 anos organizando o Entroido, e claro, xa non somos tan novos. Aos veteranos o que máis nos emociona é o domingo, o día dedicado aos nenos. Ese día organizamos actuacións, obradoiros e xogos tradicionais que encantan tanto aos pequenos como aos avós e pais que os acompañan. O ano pasado, por exemplo, o Obradoiro de Queixos, que se repetirá este ano, foi un éxito total. Tamén temos o Club Disney con personaxes infantís, e cada vez que os sacamos, os nenos énchense de emoción. É un día moi especial para nós.
Que vos motiva para seguir organizando o Entroido ano tras ano?
A satisfacción da xente. Cando os veciños nos din: “Que marabilla o que facedes!”, sentimos que todo o esforzo pagou a pena. Os barrios necesitan vida, e eventos como o Entroido son esenciais para iso. Sabemos que ás veces podemos molestar un pouco coa música ou o ruído, pero tentamos minimizalo. Ademais, a zona na que celebramos a festa está ben situada e permite que todo o mundo poida gozar sen grandes inconvenientes. O Entroido da Ponte é unha festa que une o barrio, e mentres a xente o siga gozando, nós seguiremos organizándoo coa mesma ilusión de sempre.
En 2024 tamén organizastes o Entroido de verán. Haberá unha nova edición en 2025?
A idea é que si. En 2024 tivo un gran éxito e estamos valorando repetilo en 2025. Hai anos xa faciamos algo similar, pero de forma interna na confraría. O ano pasado abrímolo ao público e celebrámolo no Campo da Feira, que é un espazo ideal: está cuberto, ten baños, mesas e unha boa infraestrutura. É máis cómodo e facilita a loxística, así que seguramente repitamos alí.