Saen á venda as entradas para os espectáculos programados para 2025 no Teatro Principal de Ourense
O Teatro Principal de Ourense saca á venda este mércores, 29 de xaneiro, as entradas para os espectáculos con contrato asinado durante este 2025, aínda que os abonos para os socios da tempada anterior seguen parados.
Desde o Teatro explican que, para ataxar este problema, as butacas de abonados da tempada anterior bloquearanse e será o propio Teatro o que contacte cos socios e socias por teléfono ou por correo electrónico para que indiquen se queren manter a entrada.
Aseguran, ademais, que os descontos serán os mesmos para todos os cidadáns: carné xove, carné de estudante, maiores de 65 e parados sen prestación económica, optarán a un desconto dun 2% nas butacas da Platea e do primeiro piso.
Programación de febreiro a marzo
O vindeiro 31 de xaneiro estará en escea “Multiperspectivas #3”, de Paula Quintas. Trátase dunha proposta orixinal e nova que parte da perspectiva do espectador como reflexión contemporánea. Combina improvisación teatral, danza e circo, deixando espazo para a interacción co público.
No mes de febreiro, a programación comezará o día 1 cun concerto de Mastodonte, “Belleza y Perdón”: unha viaxe polos temas do seu último disco neste novo directo, usando o contacto físico co público para que a súa mensaxe poida brillar máis e a súa enerxía sacuda os corazóns.
“Burro” será a proposta teatral para o día 9, pola que o seu protagonista, Carlos Hipólito, recibiu o Premio ao Mellor Intérprete no Festival de Teatro Clásico de Cáceres (2024), así como o Premio Teatro de Rojas Mellor Autor 2024 (Álvaro Tato). AY Teatro presenta unha traxicomedia con música en directo inspirada nas obras mestras da literatura, protagonizada por un dos actores esenciais da historia do teatro español.
Un concerto de “La habitación roja” será a proposta para o 14 de febreiro. É un grupo de pop-rock indie español, orixinario da localidade valenciana da Eliana, construído e practicado cunha mestura de entusiasmo e profesionalidade que os fai únicos, por singulares e por lonxevos.
“En mitad de tanto fuego” será a obra prevista o 15 de febreiro, unha montaxe que nos achega a unha obra fundamental da literatura clásica grega, “A Ilíada”. O 22 de febreiro, o proxecto teatral “Non pasarán” xorde como unha resposta creativa e comprometida ante os desafíos políticos e sociais do noso tempo, buscando non só entreter ao público, senón tamén desafiar as súas percepcións, estimular a súa imaxinación e mover os seus corazóns. Por último, a ópera “Rigoletto” pechará as propostas do mes que vén o vindeiro 23 de febreiro.
No mes de marzo, as propostas serán “Una madre de película”, con Toni Acosta, o 8 de marzo; “La Regenta”, o clásico de Leopoldo Alas Clarín que porá en escea a compañía Secuencia3 o 15 de marzo; Trash!, de Yllana Teatro o 16 de marzo; o día 21 será o concerto de Nando Agüeros coa súa xira “Canciones desnudas”. A danza contemporánea será protagonista o 22 de marzo da man de “Distirak”, espectáculo que presentará un tríptico vangardista de danza que fusiona frescura, cores vibrantes e un vínculo universal coa audiencia. O día 27 será o turno de “Reconversión”, espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo. A comedia “Las locuras por el veraneo”, de Carlo Goldoni, pecharán o mes o vindeiro 29 de marzo.
Abril comezará o día 3 coa proposta teatral “El castillo de lindacridis” de Calderón de la Barca coa compañía Nao Damores. Talía Teatro porá en escea “Un deus salvaxe” o 5 de abril. O 10 de abril será o turno de “Casting Lear”, escrita e codirixida por Andrea Jiménez. A peza clásica “Bodas de Sangre”, de Federico García Lorca, e interpretada por Teatro del Temple, pechará o mes o vindeiro 26 de abril.
“LATAS”, de Compañía D`Click, abrirá o calendario de maio o día 9. Continuará o XVIII Festival Pórtico do Paraíso con “Música e Memes”, os días 12 e 13 de maio. O 16 de marzo será o turno de “Manuela is in da house”, dirixida por Fran Núñez e interpretada por Teatro do Noroeste - Centro Dramático de Viana. Pechará as propostas do mes de maio “Malditos tacones”, de Ignacio Amestoy, con Luia Martín e Olivia Molina. Será o día 30.
Xuño comezará co concerto da Orquesta Sinfónica de Galicia o día 5. Els Joglars porán en escea “El rey que fue” o 12 de xuño, pechando a programación semestral “O grande incendio”, que suporá a estrea nacional desta coproducción de Escola da Noite e Sarabela Teatro. Estará os días 18, 19 e 20 de xuño.