Sanidade asegura que os traballos de traslado provisional dos pacientes do Materno Infantil comezaron este luns

OurenseXa
O conselleiro de Sanidade insiste en que o edifício non ten problemas estruturais pese a novo incidente rexistrado hoxe pola rotura dunha tubaxe no zona de atención ao doente do Edificio Cristal, continuo ao Materno
traballos-materno-infantil-chuo
Traballos no Materno Infantil tras o derrube do teito
9 Apr 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, confirmou hoxe, no Pleno do Parlamento, que este luns xa se iniciaron os traballos para o traslado provisional da hospitalización do Materno Infantil de Ourense co obxectivo de que este finalizado a comezos do verán.
O titular da carteira sanitaria incidiu no Pazo do Hórreo en que o Hospital Materno Infantil de Ourense “non ten problemas estruturais pero é aconsellable actuar e facer un reforzo dos falsos teitos”.

Tal e como detallou Gómez Caamaño, a planificación coa que traballa o Servizo Galego de Saúde é que a comezos do verán estean culminados todos os traslados dos distintos servizos do Materno, logo de acometer a adecuación nos espazos que os van acoller.
No edificio do Materno só quedarán as consultas, polo que se farán as actuacións dos falsos teitos da planta baixa. De feito, o conselleiro explicou que esta semana xa se comezou a traballar nos falsos teitos da planta 0. Estes labores realizaranse por fases para interferir o menos posible na actividade asistencial.

Os traballos a realizar contemplan unha pequena intervención na planta cero de consultas do Materno, o traslado da Unidade de Coidados Paliativos ao Piñor e a reubicación da área de dirección.

Ademais parte dos quirófanos de cirurxía maior ambulatoria do primeiro andar do edificio cirúrxico acollerán os paritorios e un dos novos módulos da UCI converterase na UCI pediátrica e neonatal.

Así mesmo, vanse instalar dúas unidades móbiles do Servizo Galego de Saúde equipadas como quirófanos con todo o instrumental necesario para garantir a asistencia.
O conselleiro incidiu en que toda esta programación foi abordada e dialogada cos responsables do centro e cos profesionais. Ademais, este luns a Xerencia da área sanitaria reuniuse coas asociacións de pacientes do Consello Asesor para trasladarlles a información sobre o traslado.

Máis de 52 millóns para renovar o Complexo Hospitalario

Na mentres se adianta a reubicación provisional dos servizos do Materno, o Sergas segue a traballar na renovación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, destinando máis de 52 millóns de euros a unhas obras que suporán a construción dun novo edificio de hospitalización e dun novo Hospital Materno Infantil.

Así, o conselleiro dixo que as obras do novo edificio de hospitalización teñen un prazo de execución de 12 meses, e están a coller ritmo logo dos axustes que foi preciso realizar no proxecto ao decidirse construír un novo Hospital Materno Infantil.

A previsión é que o novo edificio de hospitalización estea funcionando ao redor de mediados do vindeiro ano, sendo o obxectivo do Sergas encadear este final de obra da hospitalización coa demolición do Materno para a construción do novo edificio.

Na súa intervención no Parlamento, o conselleiro puxo en valor o interese da Xunta por dotar a Ourense de infraestruturas sanitarias de vangarda, feito que se reflicte na recente posta en marcha da nova unidade de coidados intensivos, por importe de 10 millóns de euros, ou a nova unidade de medicina nuclear, por outros, 2,8 millóns, que posibilitou instalar o primeiro PET da área sanitaria de Ourense.

Ademais, a Xunta está a avanzar para construír un novo Centro Integral de Saúde, no que se investirán 14 millóns de euros.

Para concluír a súa intervención, destacou a rebaixa do tempo en 44 días do tempo de espera para as consultas especializadas no último ano.

⚙ Configurar cookies
0.16050696372986