Sanidade destaca que a nova unidade de ictus de Ourense garantirá atención 24 horas durante todo o ano

OurenseXa
A unidade entrou en funcionamento o pasado 1 de novembro e conta con seis camas de hospitalización con monitorización, atendidas por dous neurólogos e catro profesionais de enfermaría
ambulancias-chuo-ourense
5 Nov 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou este mércores no Parlamento que a posta en marcha da nova unidade de ictus en Ourense, que comezou a funcionar o pasado 1 de novembro, “garantiza a atención na provincia as 24 horas do día e os 365 días do ano”.

Gómez Caamaño salientou que a súa posta en marcha é o resultado “dun longo e complexo traballo previo que, durante dous anos, foi avanzando de forma progresiva” e explicou que esta unidade é un espazo específico para o coidado de pacientes con ictus, con criterios claros de ingreso, monitorización continua e persoal especializado dedicado exclusivamente á súa atención. “Está coordinada por neurólogos expertos que traballan en colaboración con outras especialidades médicas e dispón de servizos diagnósticos dispoñibles as 24 horas”, engadiu.

A unidade conta con seis camas de hospitalización con monitorización, atendidas por dous neurólogos e catro profesionais de enfermaría, que atenden pacientes de alta complexidade todos os días da semana. Ata a data, xa atendeu a cinco pacientes.

Gómez Caamaño lembrou que o ano pasado se aprobou a primeira vía clínica de ictus en Ourense e que desde maio de 2025 hai garda presencial de neurólogo durante as 24 horas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Con isto, reforzouse a atención sanitaria a máis de 295.000 habitantes da provincia, dos cales un 32 % ten 65 anos ou máis.

Ademais, a Xunta dispón agora de cinco hospitais con gardas presenciais de neuroloxía as 24 horas e os 365 días do ano, un avance fronte aos tres centros que contaban con este servizo en 2022. Estes hospitais están na Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Lugo e Ourense.

O conselleiro resaltou que a nova unidade de ictus “permite homoxeneizar a atención, garantindo unha asistencia sanitaria da máxima seguridade para as persoas que sofren un ictus, actuando no menor tempo posible e de forma equitativa para toda a poboación, independentemente do seu lugar de residencia”.

⚙ Configurar cookies
0.07445502281189