Sanidade premia tres plans locais de saúde da área sanitaria de Ourense
OurenseXa
Os Servizos de Atención Primaria ourensáns de O Barco, de Castro Caldelas e o de A Cuña reciben distincións pola súa vocación pola comunidade, na que se prima a integración dos Centros de Saúde no tecido social
Sanidade premia tres plans locais de saúde da Área Sanitaria de Ourense como recoñecemento o labor da súa Atención Primaria
14 Mar 2024
A Consellería de Sanidade premiou onte os plans locais de saúde de 11 centros galegos e entre eles tres que pertencen á Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras o que supón un importante recoñecemento ao traballo diario dos profesionais sanitarios e non sanitarios da Atención Primaria da nosa provincia.
Os galardóns concedidos divídense en nove categorías: iniciativa innovadora, investigadora, dimensión comunitaria, atención á cronicidade, dimensión profesional, atención domiciliaria, dimensión de procesos, accesibilidade e actividade no medio rural e excelencia.
Os Plan locais de saúde son instrumentos vivos, abertos e participativos que facilitan o desenvolvemento dun novo modelo de atención primaria, con vocación pola comunidade, na que se prima a integración do Centro de Saúde no tecido social, coñecendo ás asociacións de veciños, ás farmacias comunitarias, aos colexios e ás residencias sociosanitarias, ademais dos servizos dispoñibles nos barrios e os concellos para, entre todos crear sinerxias de protección e coidado da saúde.
O Servizo de Atención Primaria de O Barco acadou a máxima distinción na categoría de mellor iniciativa innovadora co proxecto de atención comunitaria “Humanizando e achegando a atención primaria aos nenos: coñece o teu centro de saúde” que xurdiu da inquietude dun grupo de profesionais co obxectivo de reducir o medo e a ansiedade dos nenos cando acoden a un centro sanitario. Esta iniciativa xa foi levada a cabo o pasado ano nos Centros de O Barco, O Carballiño e Bande e terá continuidade en varios centros da provincia durante o presente ano.
O premio o recolleu a Coordinadora de enfermaría, Isabel Navarro González, en representación dun equipo multidisciplinar que implica a médicos, persoal de enfermaría, matronas, traballadores sociais, nutricionistas, fisioterapeutas, odontólogos, hixienistas dentais, técnicos de radioloxía, persoal da limpeza ou a profesionais en formación (MIR, EIR). O obxectivo desta iniciativa e o de establecer unha relación de confianza e converter a experiencia da visita ao centro de saúde en algo positivo sendo tamén unha forma de que coñezan dunha forma divertida o traballo de todos os profesionais de atención primaria e poidan familiarizarse tamén co distinto instrumental.
O Servizo de Atención Primaria de A Cuña acada unha nova distinción ao ser premiado nesta ocasión na categoría de “Dimensión de Procesos” no que se tiveron en conta vinte e nove indicadores distintos que valoran aspectos como a xestión de axendas, a accesibilidade, a capacidade resolutiva ou a prescrición farmacolóxica entre outras. Ademais de potenciar o valor do equipo, destacando fortalezas, como a da organización e desenvolvemento dos diferentes procesos asistenciais, a conexión fluída entre os profesionais da atención primaria e a hospitalaria ou a potenciación do papel da primaria como referentes do coidado e seguimento dos pacientes crónicos. O premio o recolleu a coordinadora de enfermeira Rosa Salgado Ferreiro, recentemente xubilada, en recoñecemento ao traballo de equipo do Centro de Saúde.
O Servizo de Atención Primaria de Castro Caldelas acadou a súa distinción de “Accesibilidade e actividade no medio rural” nunha categoría que valora o achegamento dos usuarios cara o sistema sanitario nas zonas rurais de Galicia, a implementación dos programas de saúde entre a poboación e a posta en valor de todo o equipo profesional na asistencia diaria. O galardón foi recollido por Carlos Moral paredes, Xefe de Servizo de Castro Caldelas.
Entrega de premios
No acto, o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, quen estivo acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, felicitou aos profesionais dos servizos premiados: A Estrada, Sárdoma (Vigo), Vilanova de Arousa, Os Mallos (A Coruña), O Barco de Valdeorras, Castro Caldelas, Virxe Peregrina (Pontevedra), Mondoñedo, Illas Canarias (Lugo), Cedeira e Mariñamansa (Ourense), remarcando, na súa intervención, que os plans locais de saúde reflicten o compromiso dos grupos de traballo de cada servizo de atención primaria.
Trátase, -proseguiu o conselleiro-, de equipos multidisciplinares integrados por persoal médico, de enfermería, pediatras, odontólogos e hixienistas dentais, así como persoal de nutrición, fisioterapia, farmacia, traballo social, saúde da muller ou de xestión. O éxito do seu traballo redunda no fortalecemento da atención primaria, -dixo Comesaña-.
Para o máximo responsable do Sergas, os plans locais de saúde dan paso a unha mellor organización do traballo e ao desenvolvemento da función comunitaria dos centros de saúde co obxecto de que os traballadores de cada centro participen en labores de promoción e prevención da saúde, en colaboración cos servizos do seu concello, os centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía.