Sara Vila, gañadora do XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, presenta 'O Incendio'
O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación da edición impresa da novela gañadora do XLII Premio Blanco-Amor, “O incendio” da xornalista e escritora pontevedresa Sara Vila Alonso. No acto participou o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; acompañado polo director de Edicións Xerais, Fran Alonso; o patrón da Fundación Eduardo Blanco-Amor, César Lorenzo e pola propia autora da obra.
“Trátase do premio máis senlleiro da literatura galega que desta volta gañou Sara Vila que xa forma parte dese gran elenco de escritores da literatura galega”, salientou César Fernández, quen augurou “unha longa traxectoria de éxitos e recoñecementos” á gañadora do certame.
O premio, dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano, está organizado desde hai uns anos pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor, “a quen quero agradecer o seu traballo para manter o legado e a figura de Blanco-Amor con actividades que poñen en valor o seu importante traballo a prol da literatura universal”, sinalou o vicepresidente segundo do goberno provincial.
César Lorenzo afirmou que este certame “ten unha característica moi importante dentro do panorama literario galego xa que é dos poucos premios que non está vencellado a unha editorial e que ademais non ten ningún tipo de límite. Esa singularidade permite que dentro do propio xurado teñamos a oportunidade de premiar literatura”.
Un premio con gran repercusión
Ademais, César Lorenzo recalcou que o Premio Blanco-Amor é o premio “máis veterano e máis dotado das letras galegas” e que nos últimos anos “está a ter unha repercusión moi importante”, xa que obras premiadas neste certame como son As malas mulleres de Marilar Aleixandre e Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, gañaron tamén despois o Premio Nacional de Narrativa.
Neste sentido, a escritora comezou a súa intervención agradecendo ao xurado que premiase esta obra “porque un Premio como o de Blanco-Amor serve para avalar a autoras e autores novos que están a comezar como é o meu caso” e desexou “mil primaveras máis” a este certame para que continúe “desta forma tan vizosa”.
Unha historia non compracente sobre o rural
En canto á obra, Sara explicou que con “O incendio” quixo contar unha historia sobre o rural desde unha perspectiva realista a través dunha cuestión moi vencellada ao rural como é a cultura do lume. Con esta metáfora abórdanse outras cuestións que lle acontecen ás persoas que viven no rural como é o abandono. Para falar disto “empreguei a voz dunha nena que está a medrar nun momento tan concreto como é a adolescencia, marcada polo feito de ser unha muller e de estar moi en contacto con persoas doutras xeracións como a súa avoa”, explicou Sara Vila.
Pola súa parte, o director de Edicións Xerais explicou que O incendio é “unha novela intensa, tenra, implacable e, ao mesmo tempo, conmovedora, escrita cunha sensibilidade moi aguda. Unha novela escrita para permanecer”. Segundo, Fran Alonso esta novela traslada ao lector a unha realidade “poucas veces contada desde a literatura galega, cunha voz intimista que retrata o mundo rural”. Aborda dun xeito compacto distintas temáticas como o acoso escolar, a morte, o paso do tempo, a iniciación ao sexo... en definitiva é “unha novela que foxe do tópico para presentarnos unha realidade que non é compracente”.