Sarabela Teatro desembrca en Madrid coa súa función ‘O dragón de ouro’ co apoio da Xunta

A compañía ourensá Sarabela Teatro inicia esta semana a súa estadía no Teatro de la Abadía de Madrid, onde presentará ‘O dragón de ouro’ entre o 11 e o 28 de setembro. En total serán 16 funcións, a maior parte en castelán, pero tamén cun pase especial en galego o día 12, acompañado de sobretítulos. Ademais, o 17 está previsto un encontro co público.
A obra, dirixida por Ánxeles Cuña e traducida por Albert Tola, é unha adaptación do texto do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, considerado o autor vivo máis representado do seu país. O elenco, formado por Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu, dá vida a 17 personaxes que se moven nun relato marcado polo ritmo trepidante e pola mestura de performance, comedia e recursos narrativos propios do cinema.
‘O dragón de ouro’ preséntase como unha traxedia contemporánea con elementos grotescos que aborda cuestións como a emigración ilegal, a explotación laboral das persoas sen papeis e o anhelo de transformar a propia vida. A acción arranca na cociña dun restaurante de comida rápida, onde un mozo chinés sen documentación sofre unha dor de moas, e a partir de aí a trama percorre os distintos andares do edificio no que se sitúa a historia.
O espectáculo chega a Madrid co patrocinio da Xunta de Galicia, que destacou tanto o valor de programar unha función en galego como a traxectoria de máis de 40 anos de Sarabela, compañía multipremiada e comprometida socialmente, que xa recibiu este ano catro premios María Casares pola súa montaxe.
A produción, que contou cunha das axudas autonómicas á creación escénica, estreouse en febreiro de 2024 no Teatro Principal de Ourense e percorreu distintos escenarios galegos antes de dar o salto á capital.