"Satisfacción" tras o primeiro encontro da Mesa do Transporte Metropolitano de Ourense
O Pazo Provincial acolleu este mércores a primeira reunión da Mesa do Transporte Metropolitano en cumprimento da moción socialista que o pasado mes de marzo obtivo o compromiso do Pleno da Deputación para adoptar “medidas oportunas para garantir no curto prazo a implantación real e efectiva do transporte de viaxeiros nos concellos da área metropolitana de Ourense”. Ao termo da reunión o voceiro socialista na Deputación de Ourense e alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, amosou a súa “satisfacción” trala “primeira toma de contacto entre todos os actores implicados”. Segundo este, “habendo vontade imos resolver calquera atranco e, máis pronto que tarde, o transporte metropolitano será realidade porque é a vontade de alcaldes e institucións”.
A iniciativa do PSdeG-PSOE contemplaba a “creación dun comité técnico e político para acordar a mellor fórmula de implantación do transporte metropolitano no menor tempo posible”. Ao encontro acudiron representantes dos grupos políticos da Deputación, co presidente Luís Menor á fronte, Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, e os alcaldes dos concellos da área metropolitana e limítrofes, destacando a presenza dos socialistas Xosé Carlos Valcarcel (Barbadás), José Luís González (Amoeiro), Manuel Rodríguez (Coles) e o propio Álvaro Vila. Este último fixo fincapé na “eiva” que da actual situación, da que derivan “limitacións” e “prexuízos” para os veciños da comarca de Ourense, subliñando que “a implantación do transporte metropolitano é unha demanda histórica do PSdeG-PSOE”.
Do proxecto de crear áreas metropolitanas para o transporte na entorna das cidades galegas fálase desde 1995, facéndose realidade paseniñamente na Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo e Lugo. O bloqueo do transporte urbano metropolitano suscita polémica en Ourense cada certo tempo, pero sen que a situación avance. Segundo Vila, “as áreas metropolitanas de transporte son unha realidade nas principais cidades galegas, quedando relegado Ourense, co agravio comparativo que este feito supón”. “É o momento de impulsar o transporte metropolitano a través da acción coordinada dos grupos da Deputación, Xunta e os concellos”, sentenciou Vila.