SATSE denuncia falta de medios para combater as altas temperaturas nos centros sanitarios ourensáns

Desde o Sindicato de Enfermaría SATSE denuncian que as altas temperaturas destes últimos días, con ondas de calor extremo, provocaron que pacientes e profesionais sanitarios se enfronten a condicións térmicas que consideran “inaceptables” nos centros de saúde e hospitais, “pola falta dunha climatización adecuada”.
SATSE lembra que xa reclamou en varias ocasións á Dirección de Recursos Económicos a dotación de sistemas de regulación de temperatura, pois comprobou como nalgunhas plantas hospitalarias ou salas de fisioterapia se superaron os 43º (43,8, como se mostra na foto adxunta), afectando á saúde dos traballadores e dos propios usuarios.
Isto, din, “non é un evento puntual, senón un problema estrutural e recorrente, que se repite cada verán sen que, a pesar de telos reclamado desde SATSE, se poña ningunha solución, que pasaría pola inversión en aparellos térmicos”.
Tal e como denuncian os propios traballadores, “xa o verán pasado se soportaron temperaturas insoportables tanto para traballadores como para usuarios, pero seguindo a liña da falta de previsión estamos no medio dunha onda de calor con máximas en todo o estado e seguimos sen medios para combatela”, sinalan.
O Sindicato de Enfermaría critica que a seguridade laboral cobra un papel secundario para esta Dirección, pero tamén a seguridade dos pacientes e a súa dignidade. (Véxase como queda unha camilla tras a realización das técnicas feitas por un profesional de Fisioterapia).
Por outro lado, lembran, está a conservación dos medicamentos nos centros de saúde, xa que, aínda que estean resgardados da luz directa, non sempre o están do calor, superando con creces as recomendacións de conservación destes.
Non menos importante, sinalan, é a situación das instalacións de hospitalización do Edificio Cristal, onde din que “resulta imposible proporcionar confort aos pacientes que nestes días sofren un ingreso hospitalario, así como ao persoal que traballa nelas, en condicións higrotérmicas totalmente inaceptables, e tendo ademais que recibir as queixas pola inacción dos responsables de Recursos Económicos”.
O Sindicato destaca que esta situación é especialmente grave nas zonas que reciben durante os meses de verán gran afluencia de turismo do noso país, e tamén internacional, multiplicándose por dous ou tres a súa poboación e, con iso, a sobrecarga e tensión asistencial nos seus centros sanitarios.
Desde SATSE explican que “somos conscientes, como profesionais, que existen estancias nas que non se poden utilizar medios técnicos para o control de temperatura, como ventiladores, pero consideramos que sempre existe unha alternativa, que pasa pola inversión que esta xerencia non quere levar a cabo”.
Con todo, consideran que “esa é a desculpa perfecta para a xerencia”. A suposta restrición por parte do Servizo de Prevención do uso de ventiladores e outros aparellos de control de temperatura din que non é correcta. Afirman que “si se permite o uso de ventiladores, salvo naqueles casos nos que sexa necesario realizar técnicas de risco en pacientes concretos, procedéndose ao apagado dos ventiladores e ao uso de máscara se é necesario”, precisan.
Para SATSE “falta vontade e sobre todo responsabilidade na garantía dunha prestación de atención de calidade e segura por parte da Dirección de Ourense, mentres desde a Consellería nos enchen de mensaxes de prevención á poboación, instando ao uso de refuxios térmicos, cando os centros de saúde son auténticos volcanes”, denuncian.
Con todo isto, desde o sindicato agardan “que poñan á disposición de usuarios e traballadores os medios necesarios para paliar os efectos desta situación que se mantén no tempo”.