Sula Repani amosa a mostra “Mar, mitos e montes” en Ourense

OurenseXa
Ata o mes de decembro, 45 obras da artista grega afincada en Ourense poderanse admirar no primeiro andar do Pazo Provincial da Deputación de Ourense
Exposición “Mar, mitos e montes”
Inauguración da mostra “Mar, mitos e montes” , de Sula Repani, na Deputación de Ourense
30 Maio 2024
O primeiro andar do Pazo Provincial acolle ata o mes de decembro a exposición “Mar, mitos e montes”, da artista grega e afincada na provincia de Ourense, Sula Repani. Trátase da segunda mostra destas características, logo de “Pinturas Diversas” de Leandro Sánchez, primeira exposición que inaugurou este novo uso do corredor do primeiro andar do edificio nobre da Deputación.
Á apertura desta mostra “Mar, mitos e montes” asistiron o presidente provincial, Luis Menor; o director da área de Cultura, Marcos Vázquez Guzmán; o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González Bouzán; e a propia artista, Sula Repani.
Esta mostra está composta por 45 obras de diferentes formatos que amosan paisaxes mariños da costa galega, rurais da provincia de Ourense e interpretacións da artista de determinados mitos gregos como o de Penélope ou o rapto de Europa, entre outros. “A memoria das miñas orixes, fonte da niña inspiración, fíxoseme máis forte en contacto con este novo mundo que é Galicia”, sinala Sula Repani ao explicar a súa obra, “a miña vida viviu a transición do Leste ao Oeste, da intensidade do azul do Mar Exeo e do ocre das illas gregas á abundancia do verde e a polimorfia na natureza galega. Da claridade e sinxeleza das formas gregas á complexidade do misterio atlántico. Da luz cegadora á luz tenue”.
Durante a inauguración desta mostra, o presidente provincial, Luis Menor, afirmou que “estamos encantados de achegar a obra de artistas da nosa provincia a través de espazos que tradicionalmente non estaban pensados para expoñer arte, e é un xeito de darlle máis valor as obras de arte e ao espazo en si”. Pola súa banda, a artista Sula Repani recalcou que “esta iniciativa é funcional e está moi ben para que a xente non teña que ir ex profeso a espazos expositivos para gozar da arte”.
0.1728880405426