Taboadela obtivo unha subvención de 868.623,16 euros para proxectos locais de enerxía limpa

OurenseXa
O 100% dos proxectos que se levarán a cabo no municipio están financiados a través dos fondos Next Generation
Eladio Santos visita o Concello de Taboadela
9 Ago 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez, visitou este xoves o municipio de Taboadela, onde aproveitou para destacar a importancia do programa DUX 5.000 para “dar impulso ao desenvolvemento urbano sostible, en municipios do reto demográfico”. O concello obtivo unha subvención de 868.623,16 euros para proxectos singulares locais de enerxía limpa, financiando o 100% dos proxectos que se levarán a cabo no municipio a través dos fondos Next Generation.

O subdelegado do Goberno e o alcalde de Taboadela, Álvaro Vila Araújo, aproveitaron para subliñar que se trata dun proxecto de “gran calado” para o municipio e que permitirá impulsar medidas relacionadas coa “eficiencia enerxética” e promover a “sustentabilidade” no concello. Eladio Santos sinala que esta importante subvención “potenciará proxectos singulares de enerxía limpa, favorecendo a eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas, fomentando investimentos verdes e o autoconsumo, potenciando a mobilidade sostible e garantindo a participación de Taboadela no despregamento dunha infraestrutura de recarga e impulso do vehículo eléctrico”.

O rexedor do municipio, Álvaro Vila Araújo, sinala que “se trata dun proxecto moi ambicioso que conta con cinco puntos de actuación para mellorar a eficiencia enerxética a nivel municipal”. Neste senso, o alcalde pon de manifesto que con este proxecto “preténdese adaptar o concello as enerxías do século XXI e xerar un importante aforro as arcas municipais, algo moi positivo para  todos os veciños e veciñas de Taboadela, que ademais beneficiaranse directamente destas iniciativas”.

A visita do subdelegado do Goberno a Taboadela permitiulle tamén recoller as inquedanzas e necesidades do municipio. O rexedor puxo sobre a mesa a posibilidade de que ADIF ceda ao concello 8 vivendas, actualmente en desuso, a carón da estación de tren, para poder rehabilitalas e impulsar máis vivenda social no municipio. Eladio Santos comprometeuse a trasladar esta petición a administración ferroviaria e ao Goberno, coa intención de poder axilizar os trámites.

Neste senso, Eladio Santos, aproveitou para sinalar que Taboadela “é un dos concellos que son exemplo na rehabilitación de vivenda e no aluguer social”, motivo polo que apunta a que proxectos “como a rehabilitación das vivendas de ADIF son moi positivos para mellorar as infraestruturas e para atraer poboación ao rural dun concello que se atopa a carón da zona industrial máis importante da provincia e a escasos minutos da capital”.

Liñas de actuación do proxecto DUS 5.000

Rehabilitación enerxética e mellora da iluminación

A primeira medida centrarase na rehabilitación enerxética da envolvente térmica de edificios clave, como a Casa do Concello, Centro de Saúde e Escola Infantil. Ademais, implementarase a instalación de recuperadores de calor con tecnoloxía free-cooling e mellorarase a instalación de iluminación con tecnoloxía LED. Estas accións levarán a unha notable redución de emisións de CO2 e unha mellora significativa na cualificación enerxética destes espazos.

Instalacións solares fotovoltaicas

A segunda medida incorpora a instalación de dous sistemas solares fotovoltaicos con modalidade de autoconsumo e almacenamento. Estes sistemas alimentarán a estruturas crave como o polideportivo, a casa do concello, a escola infantil, o campo de fútbol, o centro de saúde e a iluminación pública. Espérase que a potencia eléctrica total instalada alcance o 98,10 kW, xerando aproximadamente 119.561,50 kWh anuais. Adicionalmente, incluirase un sistema de almacenamento para garantir unha xestión eficiente da enerxía.

Transición á aerotermia

A terceira medida implica a substitución das caldeiras de gasóleo existentes na casa do concello, centro de saúde e escola infantil por unha nova instalación de aerotermia. Este sistema innovador contará con bombas de calor de diferentes potencias, adaptación de salas de máquinas, instalación de depósitos de inercia e reformas nas instalacións hidráulicas e eléctricas existentes. Con estas accións, prevese unha redución significativa nas emisións de CO2 e melloras substanciais na eficiencia enerxética destes edificios.

Electrificación da frota municipal

A última medida centrarase na modernización da frota de vehículos municipais, optando pola substitución de vehículos por modelos eléctricos e a instalación de puntos de recarga no municipio. Isto marcará un paso crucial cara á redución do consumo de enerxía final anual e contribuirá á promoción do transporte sostible na localidade.

0.087635040283203