Tecnópole impulsa as vocacións científicas entre o alumnado feminino co proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en Feminino”

O Parque Tecnolóxico de Galicia forma parte da iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). O principal obxectivo deste programa é fomentar o interese das alumnas de Educación Secundaria polas disciplinas científicas e tecnolóxicas, animándoas a elixir carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas), xa que a súa presenza nestes campos segue a ser reducida.
Co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, Tecnópole organizará dúas xornadas especiais os días 14 e 21 de febreiro, dirixidas ao alumnado de Secundaria. Ao longo destas sesións, os participantes poderán achegarse ao mundo da ciencia e a tecnoloxía mediante actividades prácticas e dinámicas, contribuíndo así a derrubar estereotipos de xénero sobre profesións tradicionalmente vencelladas ao ámbito masculino. Os talleres serán impartidos por Patricia Barciela, directora técnica da Domus – Museos Científicos Coruñeses.
Un dos xogos propostos xirará arredor da flor nonmesquezas (nomeolvides), símbolo da memoria, e permitirá ao alumnado descubrir a historia de científicas que marcaron un antes e un despois nas súas disciplinas. Os participantes avanzarán nun taboleiro resolvendo enigmas e adiviñas e, por cada resposta correcta, recibirán un token cunha ilustración moderna inspirada nestas figuras. “Esta actividade axuda a rescatar do esquecemento grandes científicas da historia, promovendo unha visión máis inclusiva e diversa da ciencia”, explica Barciela.
Mulleres científicas e tecnólogas compartirán a súa experiencia
Durante estas xornadas, contarase coa participación de profesionais que traballan no eido científico e tecnolóxico, quen compartirán as súas experiencias e explicarán como foi o seu proceso para elixir unha carreira STEM e a súa aplicación no mundo laboral.
Entre as poñentes estarán Marta Otero, doutora en Ciencias Físicas e técnica de I+D no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, situado en Tecnópole; e Esther Merlo, enxeñeira de Montes con máis de 20 anos de experiencia en investigación e innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira. Merlo é fundadora e directora do departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus, tamén situada en Tecnópole.
Un reto para mellorar o mundo de cara a 2030
O alumnado terá a oportunidade de participar nun concurso de ámbito nacional no que deberá deseñar solucións innovadoras para abordar desafíos expostos nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas.
Algúns dos temas que traballarán inclúen saúde e benestar, igualdade de xénero, enerxía sustentable e loita contra o cambio climático. A partir da xornada en Tecnópole, os grupos de estudantes desenvolverán os seus proxectos nos seus respectivos centros educativos e enviarán un vídeo coa súa proposta. A mellor iniciativa representará a Tecnópole nun certame nacional que se celebrará en Madrid en abril.
Explorando o futuro da ciencia e a tecnoloxía
Os asistentes recibirán a guía Que quero ser de maior?, onde se detallan as saídas profesionais de diversas carreiras científicas e tecnolóxicas, as súas funcións e o seu impacto na sociedade actual. Ademais, entregaráselles o material Que son as tecnoloxías disruptivas?, con información sobre avances que están a revolucionar o mundo, como blockchain, big data, intelixencia artificial, 5G, ciberseguridade e computación cuántica, e as oportunidades laborais nestes sectores emerxentes.
Mulleres que inspiran ás novas xeracións
O alumnado poderá visitar dúas exposicións: Mulleres que cambiaron o mundo, que rende homenaxe a figuras femininas clave na historia da ciencia e da tecnoloxía; e Mulleres que cambian o mundo, que destaca profesionais do Parque Tecnolóxico de Galicia que na actualidade desenvolven un papel fundamental nestes eidos.
Con estas actividades, Tecnópole reafirma o seu compromiso coa promoción das vocacións STEM entre as mozas, ofrecendo referentes femininos e xerando espazos de aprendizaxe e inspiración para a próxima xeración de científicas e tecnólogas.