Toén mellora o saneamento municipal tras un investimento de preto de 110.000 euros

A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de preto de 44.500 euros ao Concello de Toén para a rehabilitación dun treito de colector no lugar de Puga. A actuación ten como obxectivo reducir as infiltracións de augas alleas á rede, mellorar a capacidade hidráulica do sistema e diminuír o consumo enerxético do proceso de depuración.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este luns a obra acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández. No marco desta actuación, tamén está prevista a instalación de sistemas de telecontrol e sensores en estacións de bombeo e foxas, co fin de optimizar a xestión do ciclo urbano da auga mediante a dixitalización da rede.
O municipio de Toén recibiu desde 2024 preto de 110.000 euros en distintas liñas de apoio relacionadas co abastecemento e o saneamento. Ese ano obtivo axudas por un total aproximado de 22.000 euros para a realización de auditorías de ambas redes, mentres que en 2025 contou con outras dúas achegas que superaron os 85.000 euros para executar obras de mellora.
Durante a visita, a conselleira subliñou a importancia de que os concellos realicen auditorías nas súas redes municipais de abastecemento e saneamento para identificar deficiencias e planificar actuacións correctoras. Neste senso, animou ás administracións locais a solicitar as axudas que Augas de Galicia prevé convocar nos vindeiros días para apoiar este tipo de diagnoses, cun orzamento global de 700.000 euros, dos que 500.000 se destinarán a auditorías de saneamento e 200.000 á análise dos sistemas de abastecemento.
Poderán optar a estas subvencións os concellos de menos de 50.000 habitantes e as entidades locais menores, cunha contía máxima de 15.000 euros para analizar o funcionamento das redes de abastecemento e elaborar plans que permitan minimizar as perdas de auga. A mesma cantidade poderá concederse para estudos dirixidos a localizar infiltracións de augas sen depurar.
“A Xunta sempre estará ao carón dos concellos para apoialos no obxectivo de ofrecer os mellores servizos á súa veciñanza e unha xestión profesional e eficiente da auga é fundamental tanto para mellorar a calidade de vida no rural como para consolidar a resiliencia da Comunidade fronte ao cambio climático”, sinalou Ángeles Vázquez.
A conselleira lembrou ademais que nas vindeiras semanas Augas de Galicia convocará novas axudas para reducir as perdas nas redes de abastecemento e minimizar as infiltracións nos sistemas de saneamento. Estas liñas súmanse ás xa activadas para mellorar instalacións de abastecemento de auga das comunidades de usuarios, renovar as foxas sépticas en vivendas unifamiliares e instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados.
Segundo indicou, a Xunta prevé convocar este ano, a través de Augas de Galicia, oito ordes de axudas por un importe próximo aos 9,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 22 % respecto a 2025, co obxectivo de reforzar o saneamento, o abastecemento e a protección dos ríos.