Traballadoras de coidados reivindican convenios dignos e máis persoal en Galicia

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A CIG denuncia a paralización das negociacións e esixe á Xunta que interveña para mellorar as condicións laborais no sector
Lugo-Concentracion-traballadoras-residencias
14 Jul 2025

Persoal das residencias privadas de maiores e dos Servizos de Axuda no Fogar mobilizouse este luns de xeito simultáneo nas catro provincias galegas para reclamar convenios colectivos xustos, máis persoal e unha mellora na calidade da atención prestada.

As concentracións tiveron lugar diante das xefaturas territoriais de Política Social da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo e tamén servíronlles ás traballadoras para entregar escritos nos que solicitan unha reunión urxente coa conselleira co obxectivo de abordar a situación crítica que atravesa o sector.

Estas mobilizacións insírense dentro da campaña que a CIG vén desenvolvendo nos últimos meses para dignificar e recoñecer o traballo no ámbito dos coidados, esixindo á Consellaría de Política Social que asuma a súa responsabilidade como administración competente en Galicia, tanto no que respecta á fixación de ratios de persoal como no labor inspector. Desde o sindicato tamén se responsabiliza á Xunta da política de privatización dos servizos, á que atribúen a raíz da precariedade laboral e do deterioro da atención ás persoas usuarias.

Segundo subliñou Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, durante a protesta na Coruña, “Política Social é responsábel da grave situación laboral que hai tanto nas residencias de maiores como no SAF”. Naya lembrou que o sector, composto maioritariamente por mulleres, é esencial para o apoio á poboación envellecida en Galicia, pero continúa sendo cronicamente infravalorado e cunhas condicións laborais que cualificou de “auténtica miseria”.

A CIG denuncia ademais que as negociacións do convenio colectivo das residencias privadas e centros de día están bloqueadas pola patronal dende outubro pasado, tras rexeitar as traballadoras en asemblea unha proposta empresarial que mantén os salarios por debaixo do SMI, non contempla melloras na cobertura de baixas nin na redución da xornada, tampouco avanza nas compensacións polo traballo en festivos nin introduce beneficios sociais.

No caso dos Servizos de Axuda no Fogar, a situación é aínda máis grave: levan sen negociar un convenio colectivo desde 2010. Un preacordo asinado en 2022 por UGT e CCOO, que introducía unha dobre escala salarial, provocou unha folga histórica de 28 días convocada pola CIG en novembro dese mesmo ano, que obrigou a reverter ese acordo. Porén, dende entón non houbo avances significativos na actualización do convenio.

“Reclamamos da Consellaría que adopte medidas urxentes para mellorar as condicións destas traballadoras e que poña os coidados no centro da política social. Algo que, aínda que pareza obvio, non se está a cumprir. A Xunta continúa apostando pola privatización e a precarización do sector”, concluíu Naya.

⚙ Configurar cookies
0.1655490398407