Trescentros ourensáns foron premiados no concurso de imaxes e pezas audiovisuais polo 25N

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Trátase do IES O Couto, o Colexio Plurilingüe A Purísima, e o IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives
Premios do concurso de debuxo para escolares do 25N
Premios do concurso de debuxo para escolares do 25N
21 Nov 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, fixo entrega esta mañá dos premios aos oito centros educativos que resultaron gañadores nas distintas categorías do concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais convocado pola Xunta con motivo do 25N.

Concretamente, nesta edición foron premiadas alumnas e alumnos de dous centros de Ourense e de institutos de Ames, Vigo, Ribadeo, A Pobra de Trives, Cee e Soutomaior. Os galardoados, ben a título individual ou colectivo, recibiron cheques agasallo para investir no comercio local, e os centros representados, lotes de libros.

Durante o acto, Fabiola García fixo fincapé na calidade e orixinalidade dos preto de 100 traballos que foron presentados nesta edición. A conselleira felicitou ás rapazas e rapaces e aos seus docentes por propoñer “mensaxes potentes e que impactan”, apostando por sensibilizar e concienciar á sociedade galega desde as aulas.

Tras entregar os premios, asegurou que as obras presentadas “son un moi bo exemplo e unha mostra de que temos unha mocidade comprometida coa igualdade de xénero, o bo trato e a non violencia. A conselleira apostou, ademais, por seguir traballando na erradicación da violencia de xénero e no fomento da igualdade de xénero e por facelo “desde un ámbito tan importante como é o educativo”.

Os traballos premiados

No certame deste ano 2024 resultou gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica unha alumna de 2º da ESO do IES do Milladoiro, no concello de Ames, polo seu traballo Ti es quen de axudala, non apartes a mirada. Mentres, o segundo premio recaeu noutra rapaza de 1º da ESO do Colexio Plurilingüe A Purísima de Ourense, pola súa proposta Nin unha máis #acabouse.

Na 2ª categoría de cartel resultou premiada unha alumna de 3º de ESO do CPR Plurilingüe Alba de Vigo, que presentou o traballo Non estás soa, xuntos lograremos o cambio. Por outra banda, o segundo premio foi para outra alumna, neste caso de 4ª da ESO do Colexio Sagrado Corazón de Xesús de Ribadeo que realizou o cartel Saír á rúa non debe dar medo. Por último, nesta categoría outorgouse un accésit que recaeu nun alumno do IES Xermán Ancochea Quevedo de A Pobra de Trives, que presentou o traballo Xoga á Oca feminista.

Na primeira categoría da modalidade audiovisual, recibiu o primeiro premio unha obra presentada por un grupo de alumnos de 6º de Primaria do CEIP do Couto de Ourense, que leva por título Nós somos feministas, e ti?. En canto á segunda categoría da modalidade audiovisual, o primeiro premio foi para a peza No efecto dominó da violencia machista, eliminemos a ficha realizado por un grupo de alumnos e alumnas do 2º Ciclo Superior de Administración e Finanzas e de 2º de Bacharelato do IES Fernando Blanco de Cee. Mentres, o segundo premio foi para o IES de Soutomaior. Neste caso, foi para un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato que deseñaron a peza A violencia non é un conto.

O xurado, que estivo composto por representantes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, tivo en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación aos obxectivos que se promoven de prevención, detección precoz e intervención. Tamén atendeu á calidade técnica, orixinalidade e creatividade das iniciativas e mesmo á participación activa do alumnado.

0.082814931869507