Tres centros ourensáns pasan á segunda fase de Innovatech FP

Un total de 60 equipos de 37 centros educativos veñen de pasar á segunda fase de InnovaTech FP, na busca de solucións tecnolóxicas innovadoras a un total de 20 retos propostos por firman punteiras do tecido produtivo galego na segunda edición do programa impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
De entre os 243 equipos participantes escolléronse os tres que presentaron as mellores propostas de solución para cada un dos retos. Agora, co apoio técnico do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, dispoñen ata final de curso para desenvolvelos. A edición InnovaTech FP de 2025 concluirá cunha xornada de presentación das solucións desenvolvidas, da que sairá a proposta gañadora de cada reto, que se incorporará á área de emprendemento industrial do Eduardo Barreiros, onde contarán cos medios dispoñibles para a súa incubación e aceleración, podendo derivar na creación de empresas innovadoras e de base tecnolóxica.
O programa InnovaTech FP, enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, está enfocado ao impulso da innovación tecnolóxica por parte do alumnado de Formación Profesional e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos. A previsión é mobilizar máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP durante o curso 2023-24 e 2024-25, cun investimento de 1,5 millóns de euros neste período.
Entre os seus obxectivos específicos están o de xerar innovación aplicada que poida derivar no desenvolvemento de proxectos de emprendemento tecnolóxico e industrial, a resolución de retos tecnolóxicos dos sectores produtivos galegos, o fortalecemento da colaboración público-privada, o desenvolvemento do rural e a promoción de liñas de actuación que colaboren na redución da fenda de xénero.
Con esta iniciativa búscase incentivar, entre o alumnado e os titulados de FP que contan cunha alta formación tecnolóxica, o desenvolvemento de proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial co obxectivo último de lograr unha transferencia de coñecemento cara as empresas dos distintos sectores produtivos da Comunidade.
Entr os equipos seleccionados para a segunda fase están o CIFP Portovello, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel e o CIFP A Farixa.