Tres novos ecobarcos navegarán nas instalacións náuticas de Castrelo de Miño

OurenseXa
Eladio Santos explicou que esta iniciativa estatal “ten como obxectivo dar resposta ás necesidades e preferencias do turista do século XXI"
presentación-novos-ecobarcos-Castrelo-de-Miño
22 Aug 2024

A Deputación de Ourense vén de adquirir tres novos ecobarcos, por importe de 141.388,5 euros a través do Plan de Sustentabilidade Turística en 'Ourense Termal', que ofrecerán un novo servizo turístico nos embalses de Castrelo de Miño e Frieira.

Estas embarcacións foron presentadas no Parque Náutico polo presidente provincial, Luis Menor; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o subdelegado do Goberno, Eladio Santos.

Estas tres novas embarcacións, que xunto ás dúas anteriores que xa están en funcionamento en Muíños e Arnoia, “completan este servizo que vén a diferenciar a oferta no territorio con maior potencial termal de Europa como é Ourense”, destacou Luis Menor.

O barco que estará operando en Cortegada denomínase 'Miñoto' en alusión a outro dos grandes atractivos turísticos da provincia como é o Camiño onde a navegación está permitida durante todo o ano. Para elo, crearanse rutas que realicen un ensamblaxe turístico entre o Camiño Miñoto e o termalismo, “aglutinando recursos para facer máis atractivo o noso destino aos potenciais visitantes”, sinalou Luis Menor.

As outras dúas embarcacións que se poñerán en funcionamento en Castrelo de Miño denomínanse 'Espírito Ribeiro', que exalta a tradición vitivinícola da comarca, e 'Moura', que fai alusión á cultura castrexa que atesoura este territorio. Ambas poderán navegar desde xuño ata finais de setembro nunha ruta circular no centro do encoro.

Ademais, tal e como anunciou o presidente provincial, a Deputación poñerá en marcha un proxecto piloto a través do Inorde cos servizos turísticos que conforman a oferta do destino 'Ourense Termal' nesta zona para crear experiencias sostibles que poidan ofrecerse ao público na vindeira tempada.
Neste sentido, Luis Menor destacou que para o goberno provincial é “vital traballar da man co tecido turístico para levar a cabo as nosos políticas públicas enfocadas a promover un crecemento sustentable e baseado na calidade”.

Posta en valor por parte do Goberno de España

Pola súa parte, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acudiu á presentación e lembrou que se trata do modelo Xouva 4.90, unha embarcación eléctrica insomerxible, silenciosa e non contaminante, perfecta para a práctica de turismo náutico ecolóxico e sostible. Adquisión incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Ourense Termal, executado pola Deputación Provincial e que se enmarca dentro da estratexia xeral da Secretaría de Estado de Turismo, coa que o Goberno de España pretende transformar o sector e adaptalo ás necesidade do século XXI.

Dita estratexia procura o remate de dous grandes problemas do turismo tradicional. Por unha banda, a concentración espacial, xa que os enclaves ligados ao turismo de sol e praia concentraban a maioría dos recursos e fluxos turísticos. E, por outra, desestacionalizar o turismo, co fin de que os sectores vencellados co mesmo se desenvolvan máis aló da época estival.

Neste senso, a Secretaría de Estado de Turismo creou nos últimos anos liñas específicas de subvención, financiación e desenvolvemento de espazos do mundo rural, que dan lugar aos plans de sostibilidade coma o Ourense Termal, para o cal realizou unha achega de 1.350.000 euros (dos 3 millóns que compoñen o seu orzamento total).

Ademais, a estratexia estatal contempla a cogobernanza con outras administración públicas. Neste caso, coa Axencia de Turismo de Galicia e coa Deputación Provincial de Ourense, esta última encargada da execución.

Durante a presentación dos novos ecobarcos, o subdelegado do Goberno destacou do Plan de Sostibilidade Turística en Ourense Termal “o seu carácter innovador e transversal, que engloba ata 15 concellos da provincia, co cal desenvolve un gran espazo de actividades turísticas en diferentes zonas, o que leva aparellado un desenvolvemento económico máis integral a partir dos recursos turísticos”.

Así mesmo, Eladio Santos explicou que esta iniciativa estatal “ten como obxectivo dar resposta ás necesidades e preferencias do turista do século XXI que non busca só un espazo turístico, se non desfrutar do entorno autóctono, de recursos públicos vencellados ao territorio e, sobre todo, de experiencias únicas, e a partir de aí os plans de sostibilidade ofrecen recursos moi versátiles.

No caso de Ourense, ademais de gozar do termalismo, tamén se pode desfrutar de turismo deportivo no embalse de Castrelo de Miño, turismo de aventura, do noso patrimonio natural, artístico e, por suposto, dunha excelente gastronomía, que inclúe o enoturismo”.

O subdelegado non quixo rematar sen felicitar á Deputación Provincial “pola súa excelente execución deste Plan, que está en pleno funcionamento e que será capaz de atraer a inversión privada, que é a que ten que impulsar e dinamizar, a partir do motor turístico, outros sectores, así como a economía do interior, o mundo rural, fixar poboación e loitar contra a despoboamento”.

Propiedades dos ecobarcos

Estes ecobarcos, ao igual que os anteriores, están especialmente deseñados para ser respectuosos co medio. Teñen capacidade para oito persoas e con accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Contan con propulsión eléctrica, evitando así a emisión de contaminantes e xerando pouca ola para protexer tamén a fauna e a flora dos ríos polos que navega.

Os obxectivos desta actuación enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” son: crear un sistema de mobilidade turística sostible, incrementar as actividades complementarias á oferta termal; impulsar o ensamblaxe de produtos turísticos e incrementar a estadía media no destino, explicou o presidente provincial.

O PST en “Ourense Termal” estase a materializar ao longo das anualidades 2022-2024 nos 15 municipios rurais termais da provincia, a través dun convenio entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.21031093597412