Un centenar de escolares ourenáns participan nunha mostra interactiva co gallo do 25N
A Deputación de Ourense inicia 16 días de activismo contra a violencia de xénero coa inauguración dunha exposición centrada no 25N. Con esta mostra, que pode verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, “a Deputación súmase á campaña internacional da ONU “Únete” contra a violencia de xénero coa fin de esixir a erradicación desta lacra”, explicou o presidente Luis Menor, quen convidou á cidadanía a sumarse a esta acción.
Esta campaña, lanzada polo secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, estenderase ata 2030 centrada en establecer 16 días de activismo cada ano para loitar polo fin da violencia contra as mulleres. No caso da Deputación, “manterémola aberta ata o 10 de decembro, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos. Datas clave ambas na loita pola igualdade e a erradicación da violencia”, sinalou o presidente provincial, quen agradeceu o labor da Área de Benestar e da deputada de Igualdade, Teresa Barge, polo seu traballo a prol desta iniciativa.
A Deputación centrará esta campaña no ámbito educativo a través da acción “ÚNETE-Eu non calo”. Deste xeito, “pretendemos sensibilizar aos escolares de todas as idades na prevención, na loita e a denuncia de todo tipo de violencia de xénero, e farémolo a través da visión dos propios escolares”. Así, para facer partícipes aos menores, implicalos e que se sintan parte da campaña, na Deputación realizarase unha acción en redes sociais destinada ao ámbito educativo e a exposición inaugurada hoxe é, precisamente, o resultado de todos os traballos realizados polos escolares de toda a provincia que se presentaron en 2023 ao Concurso “Eu non calo ante a violencia de xénero”.
Unha mostra interactiva
Durante o acto, Teresa Barge agradeceu a presenza no acto de representantes do tecido asociativo, así como de pais e nais implicados no proxecto, do que a deputada se amosou “honrada” de formar parte.
O director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, subliñou a igualdade como parte dunha “política transversal” do goberno provincial. Agradeceu a Marta Nóvoa, vicepresidenta primeira, e presente no acto, o seu “compromiso” para que a exposición fose unha realidade.
Os responsables da exposición guiaron aos asistentes polos códigos QR situados na segunda planta do centro cultural, que dan acceso ás obras de cada rapaz. Participaron un centenar de escolares da provincia na mostra.