Un cento de persoas beneficiáronse do Programa Integrado de Emprego de AFAOR

OurenseXa
Estas persoas participantes recibiron información, orientación e asesoramento, contidos arredor das novas tecnoloxías e sesións de titorización e mentorización
Beneficiarios do PIE de AFAOR
Beneficiarios do Programa Integrado de Empleo de AFAOR
4 Nov 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou no acto de posta en valor do Programa Integrado de Emprego (PIE) levado a cabo pola Asociación de familiares de alzhéimer de Ourense (Afaor) entre o ano pasado e este. En total, un cento de desempregados beneficiarios entre os que se atopaban persoas con discapacidade, menores de 30 anos ou mulleres e que recibiron os correspondentes diplomas acreditativos.

En concreto, no marco do PIE de Afaor estas persoas participantes recibiron información, orientación e asesoramento, contidos arredor das novas tecnoloxías e sesións de titorización e mentorización. Tamén puideron beneficiarse de obradoiros de busca activa de emprego ou a prol de emprendemento, de accións de prospección empresarial e de itinerarios personalizados en sectores estratéxicos, así como de prácticas non laborais.

Aumento do crédito na edición de 2024

Cómpre destacar que esta mesma semana publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o incremento ata os case 12 millóns de euros das axudas deste 2024 destinadas á realización de programas integrados de emprego en entidades sen ánimo de lucro e municipios, co gallo de mellorar as oportunidades laborais dos desempregados. Así, estas persoas reciben formación para acadar un traballo e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido das accións formativas e co fin de incrementar a súa inserción laboral.

Coa previsión de beneficiar unhas 5.800 persoas en toda Galicia, na convocatoria deste 2024 dos PIE o Goberno galego prima, entre outros, os proxectos innovadores en relación co perfil dos colectivos aos que se dirixan e os que se caractericen pola utilización de novas tecnoloxías ou pola existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Tamén se valorará a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio onde se levará a cabo o programa co fin de mellorar a ocupación da cidadanía galega.

0.20604109764099