Un percorrido por Ourense para homenaxear a figura de Eduardo Blanco Amor
Ourense conmemora este sábado, 14 de setembro, o 127 aniversario do nacemento do escritor Eduardo Blanco Amor, unha das figuras máis relevantes da nosa literatura.
Nacido en Ourense un 14 de setembro de 1897, comezou a súa carreira no 'Diario de Ourense' con tan só 17 anos. Seu interese pola cultura galega tivo moito que ver coa figura de Vicente Risco, con quen mantivo unha estreita amizade.
No ano 1919 emigrou a Bos Aires, onde comezou a relacionarse con outros intelectuais galegos e entrou a formar parte da Federación de Sociedades Galegas. O seu traballo como corresponsal no diario 'La Nación' tróuxoo de volta a Galicia en 1928.
Finou en Vigo o 1 de decembro de 1979, un par de anos despois de participar como orador na Alameda de Ourense no remate da manifestación do 4 de decembro de 1977, na Xornada Nacional pola Autonomía.
Entre as súas obras cómpre salientar 'Los miedos', 'La catedral y el niño', 'Os biosbardos', 'Xente ao lonxe' e, sen dúbida, 'A Esmorga'.
O Ourense de Eduardo Blanco Amor
O seu amor de Eduardo Blanco Amor pola súa terra e pola cidade que lle ver nacer quedou reflectido en varias das súas obras, tendo especial relevancia a súa obra mestra, 'A Esmorga', ambientada nunha cidade ficticia chamada Auria e inspirada no seu Ourense natal.
A obra conta a tráxica historia de Cibrán, o Bocas e o Milhomes tras un día de borracheira. Grazas ás placas instaladas na cidade polo Clube Alexandre Bóveda, hoxe podemos reconstruír paso a paso o tráxico percorrido dos seus protagonistas.
A ruta arranca na entrada de Auria, concretamente na 'Taberna da Tía Esquilacha', nas inmediacións do Xardín do Posío, e de ahí continúa pola rúa do Progreso ata a fonte das Burgas. Dende As Burgas, onde a novela fai referencia a un antigo lavadoiro, os tres homes continúan ata chegar ata a fonte de Sant Damián, outro dos puntos máis emblemáticos do casco histórico da cidade.
O percorrido continúa no Canellón de Pena Vixía e continúa ata a coñecida Praza do Correxidor. De aí haberá que dirixirse á actual Oficina Municipal de Turismo. Fronte dela pódese observar o cano dunha fonte da que xa non brota auga e que aparece na novela.
A penúltima parada comeza na rúa Concordia, desde onde os esmorgantes cruzan Lamas Carvajal en dirección á Alameda, punto final do roteiro. Desde aí, os tres homes dirixiríanse á estación de tren, lugar a onde nunca chegaron. Precisamente fronte á Alameda, na Praza de Bispo Cesáreo, atopamos unha escultura en honor ao propio Eduardo Blanco Amor, rematando así por completo este roteiro.
A taberna da tía Esquilacha, transformada en A Palloza