Un proxecto do IES Eduardo Blanco Amor, premiado como un dos mellores do programa STEMBach

OurenseXa
O proxecto do IES Eduardo Blanco Amor recibe un dos premios aos mellores proxectos de investigación realizados polos centros educativos no marco do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía
Premios STEMBACH
3 Jul 2024

A Xunta de Galicia vén de recoñecer este curso, por primeira vez, os mellores proxectos de investigación realizados polos centros educativos no marco do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, unha iniciativa que ten como finalidade impulsar a formación STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos.

Na xornada de hoxe, os nove mellores proxectos do programa de STEMBach, dos 61 desenvoltos, defenderon os seus traballos ante un xurado. Nesta parte avaliáronse criterios como a puntuación acadada na fase preliminar e, se a exposición está ben estruturada e organizada. Finalmente seleccionaranse os tres mellores proxectos de investigación. O titular do departamento educativo galego destacou que estes proxectos “demostran a calidade e o talento que atesouran os estudantes galegos e convido a afondar máis na formación STEM”.

Os gañadores son o IES Eusebio da Guarda da Coruña co proxecto Novas dianas terapéuticas para o tratamento da artroses: un modelo con algas mariñas, realizado por Natalia Gómez e Ha Nul Kim; o IES Rosalía de Castro con Influencia das condicións meteorolóxicas na cantidade de raios cósmicos detectados na superficie, feito por Belén Carla Merino Pazos, e Tipo de redes neuronais: fundamentos teóricos e aplicacións, traballo de Aroa Álvarez, Andrea Dapena, Natalia Fernández e Alba Quintas, alumnas do IES Eduardo Blanco Amor. As premiadas, todas mulleres, irán de viaxe á feira SciFest de Dublín, en Irlanda.

0.16418504714966