Un residente de radioloxía do CHUO recibe un premio internacional sobre imaxe médica

Un médico residente do servizo de radiodiagnóstico do Hospital Universitario de Ourense, Eduardo Gutiérrez Dorta, ven de ser galardoado co prestixioso Trainee Research Prize da Radiological Society of North America (RSNA), que recoñece a súa destacada investigación no campo da imaxenoloxía médica. Este premio, que se entrega anualmente durante o Congreso da RSNA en Chicago, representa o recoñecemento ao traballo dos profesionais que abarcan toda a gama de subespecialidades radiolóxicas en máis de 150 países ao redor do mundo e distingue a mozos investigadores cuxos traballos destacan pola súa excelencia, impacto e orixinalidade. Con este recoñecemento, o doutor Gutiérrez convértese no segundo médico residente español na historia en recibir este galardón e o primeiro médico residente da Comunidade Autónoma de Galicia.
O traballo premiado titúlase “Impact of New Technologies on a Breast Cancer Screening Program”, que avalía o impacto de novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial e a tomosíntesis. Eduardo Gutiérrez, nado en Santa Cruz de Tenerife, está a cursar o último ano da súa residencia no servizo de Radiodiagnóstico do Hospital ourensán e, durante este período de formación, estivo na Unidade de Radioloxía Mamaria onde afondou coñecementos sobre o estudo de imaxe desta patoloxía xunto ao equipo da Unidade. A súa responsable, Dra. Josefina Pereira, animou ao residente a completar os seus coñecementos mediante unha rotación externa de dous meses nun dos centros punteiros en España nesta subespecialidade, como é o Hospital Universitario Reina Sofía de Córdoba.
O equipo da Unidade de Radioloxía Mamaria do hospital andaluz, que dirixe a Dra. Mariña Álvarez Benito, é na actualidade unha referencia a nivel nacional e internacional no diagnóstico e abordaxe integral do cancro de mama. Ademais, o programa poboacional de Cancro de Mama que desenvolve o sistema andaluz de saúde é, xunto ao da Comunidade Galega, un dos máis avanzados do estado español. Froito desa estancia, o doutor Gutiérrez desenvolveu un estudo realizado no marco do Programa de Detección de Cancro de Mama de Córdoba, onde analizou o impacto da tomosíntesis dixital de mama (DBT) e a intelixencia artificial (IA) na detección de cancro, a taxa de re-chamadas e a carga de traballo nun programa de cribado poboacional.
Os resultados do estudo suxiren que a incorporación de IA e DBT nos programas de detección de cancro de mama non só mellora a precisión diagnóstica, senón que tamén optimiza os recursos e a carga de traballo dos especialistas. Os achados máis relevantes inclúen un incremento de ata 3.9 puntos na taxa de detección de cancro (9.6 cancros detectados por cada mil habitantes coa estratexia de dobre lectura con tomosíntesis dixital e IA, respecto aos 5.7 cancros detectados por cada mil habitantes coa estratexia estándar de dobre lectura con mamografía) ou a optimización da carga de traballo, conseguindo diminucións de ata un 2.7% na taxa de derivación hospitalaria sen comprometer a taxa de detección de cancro (taxa de derivación do 3.5% na estratexia de lectura simple con tomosíntesis dixital e IA, respecto ao 6.2% na estratexia estándar de dobre lectura con mamografía).
No desenvolvemento do traballo, saliéntase que os resultados foron obtidos no contexto dunha lectura de cribado e asistencia hospitalaria levados a cabo unicamente por radiólogos con entre 3 e 15 anos de experiencia en imaxe mamaria, dedicados exclusivamente ao exercicio desta subespecialidade. O traballo premiado no congreso de Chicago conclúe que estas tecnoloxías representan un avance prometedor nos programas de cribado poboacional e poden influír en futuras decisións sobre o seu deseño e implementación.