Varias pacientes de oncoloxía do CHUO partiparon nun obradoiro de coidado da pel e maquillaxe

OurenseXa
O obradoiro “Ponte guapa, sentirás mellor” está dirixido a apoiar a mulleres con cancro, axudándoas a recuperar a súa imaxe, autoestima e confianza para afrontar a enfermidade
obradoiro-maquillaxe-oncoloxia-chuo
Obradoiro de coidado da pel e maquillaxe no CHUO
21 May 2025

O Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, en colaboración coa Fundación Stanpa, organizou esta semana un obradoiro presencial destinado ao coidado da pel e á maquillaxe para mulleres con cancro. Esta iniciativa forma parte do programa internacional “Ponte guapa, sentirás mellor”, que busca acompañar ás pacientes na recuperación da súa imaxe e autoestima, facilitando así a súa loita contra a enfermidade con maior confianza.

Na actividade participaron Raquel Aparicio, Coordinadora de programas da Fundación Stanpa en Galicia, así como tres profesionais da estética voluntarias —Eva Casas e Lourdes Sorga— que impartiron o taller. Tamén asistiron Belén Piñeiro, Xefa de Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, e Belén Pérez Ramos, Coordinadora de voluntariado da AECC en Ourense.

Este obradoiro comezou en formato online durante a pandemia da COVID-19 e agora realiza sesións presenciais. Nesta última edición, un grupo de oito pacientes recibiu consellos prácticos a través dos 12 pasos esenciais para o coidado da pel e o uso da maquillaxe, guiadas polas expertas voluntarias.

A Fundación Stanpa, organización sen ánimo de lucro promovida pola Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética, é a promotora destes talleres que se desenvolven en estreita colaboración cos equipos de oncoloxía e enfermaría dos hospitais, así como coa Asociación Española contra o Cancro, que apoia e organiza estas actividades grupais.

Belén Piñeiro destacou a importancia deste tipo de iniciativas, que resultan moi gratificantes para as participantes, xa que lles permiten empoderarse no proceso da enfermidade e mellorar notablemente a súa autoestima.

Belén Fírvida, unha paciente de Verín que participou no obradoiro, anima a outras persoas que están a pasar pola enfermidade a apuntarse: “Vin o cartel do obradoiro na sala de oncoloxía radioterápica e decidín anotarme, aínda que non teño moito coñecemento de maquillaxe. Estas actividades axudan a levantar o ánimo e a sentirte mellor”.

Os produtos utilizados nestes talleres son doados por empresas e expertos en cosmética, e o programa conta coa participación de voluntarios formados para axudar ás pacientes a recuperar a súa expresión persoal despois dos efectos dos tratamentos oncolóxicos. A cosmética, nestes momentos especialmente difíciles para as mulleres, convértese nun recurso fundamental para manter a autoestima, a confianza e a forza necesarias para enfrontar a enfermidade.

Existe evidencia que relaciona a participación nestas actividades coa mellora do estado de ánimo das mulleres. Durante o tratamento, o corpo, o cabelo ou a pel poden sufrir cambios que requiren novos coidados. Coidar a propia imaxe non só mellora o estado de ánimo, senón que tamén reduce a ansiedade, aumenta a autoestima e facilita a relación social.

⚙ Configurar cookies
0.07685399055481