Vilanova dos Infantes acollerá o III Encontro Burla Verde pola defensa da Terra

O III Encontro Burla Verde pola Defensa da Terra chegará o vindeiro 27 de setembro a Vilanova dos Infantes cun programa repleto de actividades que reunirá a persoas e colectivos de todo o país que loitan pola defensa da vida, da biodiversidade e do territorio.
O Burla Verde, explican dende a organización, é “un espazo de encontro, aprendizaxe e celebración que combina palestras, obradoiros, música, xogos tradicionais e actividades comunitarias co obxectivo de visibilizar as loitas en defensa da terra e ofrecer alternativas ao modelo extrativista, opresor e saqueador que ameaza o rural galego”.
Na edición deste ano, as palestras estarán centradas en temas como o impacto no territorio, a perda de biodiversidade e a necesidade de economías alternativas, facendo fincapé nas causas estruturais dos incendios forestais, con especial atención aos lumes que arrasaron este verán boa parte da provincia. Para o colectivo, “non se trata de casualidade, senón de causalidade, froito dun modelo económico que prioriza os intereses das grandes corporacións fronte á vida do rural e da natureza”, e lembran que “a loita contra os lumes é tamén a loita pola biodiversidade, pola auga, polas aldeas vivas e libres de especulación”.
A programación incluirá obradoiros, concertos, teatro, títeres, xogos tradicionais, contacontos e moitas máis actividades pensadas para toda a familia. Ademais, durante todo o día instalarase un mercado de artesanía e produtos ecolóxicos, así como espazos de convivencia e alimentación sostible a cargo dos colectivos participantes.
O evento chega como un espazo común grazas ao labor de ducias de persoas e colectivos que, de forma voluntaria, colaboran na súa organización, e converterá Vilanova dos Infantes nun espazo colectivo para poñer en valor a terra e a biodiversidade a través dunha xornada de convivencia e confraternidade.
PROGRAMA COMPLETO
- 11:00 horas. Músic e movemento en familia (Praza Víctor Ferro)
- 11:00 horas. Palestra-faladoiro ‘Impactos sobre a biodiversidade’ na Praza do Recreo
- 11:00 horas. Obradoiro ‘Ioga na natureza’ na Carballeira Norte
- 12:30 horas. Obradoiro ‘Sementes de Liberdade’ na Carballeira Norte
- 12:30 horas. Conctacontos ‘Xela, poa defensa da terra’ no Lavadoiro
- 13:00 horas. Palestra-faladoiro ‘Impactos sobre o territorio’ na Praza do Recreo
- 13:30 horas. Espazo pético-sonoro no Xardín da Reitoral
- 17:00 horas. Teatro foro ‘Que veñan…ou que non veñan?’ na Praza Maior
- 17:00 horas. Obradoiro de reciclaxe de roupa na rúa da Torre
- 17:00 horas. Obradoiro ‘Esperanzar biodanza’ na na Carballeira norte
- 17:00 horas. Contacontos ‘Se as árboles falasen’ no Lavadoiro
- 18:30 horas. Palestra-faladoiro ‘Habitar a terra doutros xeitos’ na Praza do Recreo
- 19:00 horas. Espectáculo de títeres ‘Pituquito’ na Plaza Víctor Ferro
- 20:00 horas. Concertos de Kreze, Galkan e Luix Kaf no Xardín da Reitoral
- 23:00 horas. Ritual de peche ‘Nemeton’ polas rúas da vila