Xunta e comerciantes avanzan en Ourense na elaboración dun Plan estratéxico do comercio
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo este martes un encontro con representantes de asociacións de comerciantes e de centros comerciais abertos da provincia de Ourense co obxectivo de seguir avanzando na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Durante a xuntanza -celebrada en Expourense- Gabriel Alén compartiu cos principais representantes provinciais do sector que actualmente -e deica finais de ano- está aberto o proceso participativo para recibir as achegas de todos os axentes implicados e afondou na necesidade de que os comerciantes poidan contribuír en primeira persoa coas súas ideas e inquedanzas á diagnose e estratexia máis acertadas para darlle un pulo ao sector.
Neste senso, destacou que para o Goberno galego é unha prioridade abordar o futuro do comercio desde o diálogo e atendendo ás necesidades reais do sector, coa vontade de avanzar entre todos -e desde a necesaria colaboración público-privada- para reforzar e facer máis competitivo o comercio local das vilas e cidades.
O director xeral puxo en valor o importante papel dinamizador deste sector como motor económico e xerador de emprego e riqueza, destacando a necesidade de camiñar cara a un modelo que se apoie nos beneficios das novas tecnoloxías e afonde na especialización, na calidade do produto e na experiencia do usuario, promovendo ademais o consumo responsable e a sustentabilidade como valores inherentes ao comercio local e de proximidade.
Alén fixo alusión tamén á aposta por acometer un plan de remuda xeracional para asegurar a continuidade dos comercios rendibles, apoiando tanto ao que cesa na actividade como ao que a vai continuar.
Plan estratéxico do comercio de Galicia
Galicia conta con máis de 24.000 comercios polo miúdo, que xeran 107.000 postos de traballo en toda a Comunidade, ademais de preto dun cento de mercados e prazas de abastos. A futura planificación, con horizonte en 2030, abordará a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal, que permita desenvolver un Mapa do Comercio de Galicia efectivo. Este espazo contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada para potenciais clientes.
Entre as medidas nas que está a traballar o Executivo galego, figura o impulso das prazas de abastos -fomentando a súa certificación como Mercados Excelentes- ou a posta en marcha do selo Menú de Mercado, que permita facer campañas cruzadas cos restaurantes da contorna. Tamén contemplará liñas para potenciar os centros comerciais abertos -para consolidalos como máximos referentes dun servizo de proximidade e de calidade e simplificar as súas axudas-e a Fundación Artesanía de Galicia, para seguir apoiando o labor dos nosos artesáns e artesás.