24 concellos e catro agrupacións da provincia de Ourense beneficiáronse das axudas da Xunta para a mellora de infraestruturas de uso público

A Xunta de Galicia destinou dentro da orde de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público do 2025 máis de 900.000 euros en 28 actuacións en 24 concellos e catro agrupacións da provincia co fin de impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico, e así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.
Os municipios beneficiados foron Agrupación Allariz -Vilar de Santos, A Arnoia, Beade, Beariz, Castrelo do Val, Entrimo, Laza, Lobios, Agrupación dos concellos de Maside e Maceda ,Maside (en solicitude individual), Agrupación dos concellos de Montederramo e Maceda, Monterrei, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Porqueira, Agrupación dos concellos de Ribadavia e Melón , Riós, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, A Veiga, Vilamarín, Vilariño de Conso, Os Blancos e Xunqueira de Ambía.
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, explicou nunha visita ao Concello dos Blancos, beneficiario dunha achega de 28.000 euros, que esta convocatoria, que contou cun orzamento en Galicia de 3,5 millóns de euros, enmárcase no compromiso do Goberno galego co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que está destinada a municipios de menos de 30.000 habitantes individualmente ou agrupados.
Nesta liña, concretou que son actuacións subvencionables as obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou instalacións ou dependencias municipais, nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
O representante do Goberno galego tamén subliñou que se financian ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión.