30 emprendedoras ourensás beneficiáronse das achegas do programa Emega de emprendemento feminino

OurenseXa
En total, a Xunta destinou 375.000 euros para estas axudas na provincia, coas que se crearon un total de 52 postos de traballo indefinidos, 32 por conta propia e 20 por conta allea
manuel-pardo-visita-farmacia-ourense
Manuel Pardo visita a unha das beneficiarias do programa Emega en Ourense
6 Aug 2025

A Xunta destinou un total de 375.000 euros para apoiar proxectos de emprendemento feminino na provincia de Ourense a través do programa Emega. Grazas a estas axudas, 30 mulleres puideron desenvolver as súas iniciativas empresariais, xerando 52 postos de traballo indefinidos: 32 por conta propia e 20 por conta allea.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, lembra que permanece aberta unha nova convocatoria do programa Emega ata o vindeiro 14 de agosto, cun orzamento que supera os cinco millóns de euros. Neste sentido, sinalou que “o obxectivo da Xunta con esta orde de achegas é ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero”. Segundo indicou, prevese financiar máis de 350 proxectos e crear arredor de 800 empregos.

O delegado insistiu en que “apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades”. Por iso, engadiu, “debemos seguir a incidir no deseño actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial”.

O programa Emega inclúe diferentes liñas de axuda orientadas a mulleres emprendedoras. A modalidade Emega Emerxe, con achegas de ata 22.000 euros, apoia novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable. Emega Impulsa, cun máximo de 17.000 euros, está dirixida a reactivar e consolidar empresas xa existentes, introducindo medidas innovadoras para mellorar a súa competitividade. Pola súa banda, Emega Innova ofrece ata 42.000 euros para iniciativas con base tecnolóxica ou contido científico.
Ademais, o programa conta cunha axuda complementaria, Emega Concilia, de ata 5.000 euros, destinada a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral tanto das promotoras como das traballadoras por conta allea.
As axudas están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Entre as novidades desta edición, Pardo destacou o reforzo de criterios específicos para priorizar as mulleres maiores de 55 anos, proxectos impulsados no rural ou en sectores masculinizados, así como propostas colaborativas. Así mesmo, os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego actuarán como aliados estratéxicos do programa, especialmente nas zonas rurais, a través dun programa de formación específica para as beneficiarias.

⚙ Configurar cookies
0.16787695884705