35 nenos saharauis foron recibidos na Deputación de Ourense como parte do programa 'Vacacións en paz'

OurenseXa
O presidente provincial, Luis Menor, comprometeu a colaboración da Deputación coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui polo seu labor humanitario
Asociación-Solidariedade-Galega-co-Pobo-Saharaui-en-Ourense
23 Ago 2024

O presidente da Deputación, Luis Menor, recibiu no salón de plenos do Pazo Provincial aos 35 nenos e nenas saharauis que están a pasar o verán na provincia, dentro do programa 'Vacacións en paz' que desenvolve desde hai 35 anos a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. De feito, o presidente provincial comprometeu a colaboración da Deputación con este organismo debido ó seu labor humanitario.

Menor interesouse pola estadía das rapaces e rapazas na provincia e destacou o fondo carácter solidario da provincia, pois durante os 35 anos que vén existindo o programa “Vacacións en paz”, case todos os concellos ourensáns tiveron nalgún momento a presenza dun neno ou nena saharaui no seo das súas familias. “Grazas ás familias que vos involucrades e adicades o verán a coidar destes nenos e nenas. Sodes un orgullo para a nosa provincia”.

O principal obxectivo deste programa é o de trasladar a nenos/as,  nados no medio dun clima de guerra,  procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria), para pasar dous meses de verán acollidos por familias dos Concellos de Galicia.

Trátase de propiciarlles unha estancia agradable e ofrecerlles, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non só na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharaui.

Ademais dos rapaces e rapazas saharauis e as súas familias acolledoras, no acto participaron tamén a deputada de Políticas Sociais, Patricia Torres; Maite Isla, presidenta da Asociación Solidaridade Galega do Pobo Saharaui; e o delegado desta ONG en Ourense, Juan Fraga.

0.17856597900391