54 colexios e institutos de Ourense contan con clubes de lectura
Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación, desenvolven clubs de lectura nas súas bibliotecas durante este curso grazas ao apoio da Xunta, que destina un total de 400.000 euros a este programa. O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, enmarcada no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, é fomentar e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...).
Por provincias, 162 dos centros integrados no programa son da Coruña (24 de nova incorporación este curso), 60 de Lugo (cinco novos), 54 de Ourense (seis novos) e 155 de Pontevedra (18 novos). Cada un deles ten asignada unha contía de entre 600 e 1.235€, en función do tipo de centro e do proposta presentada, para destinar fundamentalmente á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar, así como para gastos derivados do funcionamento do club.
Os novos centros que se incorporan na provincia de Ourense son o CEIP Emilia Pardo Bazán (Leiro), o CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras), o CEIP Plurilingüe dos Blancos, o CEIP Plurilingüe Albino Núñez, o CEIP Plurilingüe Inmaculada e o CIFP A Farixa, os últimos tres na cidade de Ourense.
Compartir experiencias
Poñer en marcha un club de lectura nun centro educativo consiste, basicamente, en promover a participación dun grupo de alumnado para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso.
Normalmente estes clubs de lectura -cuxo espazo natural son as bibliotecas escolares- vense enriquecidos polo emprego das tecnoloxías da información e a comunicación (que contribúen á lectura en diversos soportes, permiten introducir as narrativas transmedia e facilitan a difusión de actividades), así como pola participación de adultos da comunidade educativa que propician o intercambio de experiencias interxeracionais.
Ademais da dinamización a prol da lectura e ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida, os Clubs de Lectura tamén están concibidos como espazos de convivencia e de educación cidadá.