55 proxectos ourensáns liderados por mulleres beneficiáronse de axudas por valor de 590.000 euros dentro do programa Emega

A Xunta de Galicia destinou máis de 590.000 euros a 55 iniciativas empresariais encabezadas por mulleres na provincia de Ourense, dentro do programa Emega de emprendemento feminino.
Así o destacou este luns o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, que explicou durante unha visita a unha das empresas beneficiarias que, grazas a estas subvencións concedidas pola Consellería de Política Social e Igualdade, crearase un total de 65 empregos indefinidos, dos cales 55 serán por conta propia e 10 por conta allea.
O delegado subliñou que o obxectivo da Xunta con esta liña de axudas é “ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.” Ademais, lembrou que “debemos seguir a incidir no deseño de actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial”.
Entre as novidades da última convocatoria, dotada con máis de cinco millóns de euros, Pardo destacou o “reforzo de criterios específicos para a concesión das axudas, co obxectivo de prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos, a propostas de emprendemento no medio rural e en sectores masculinizados, así como favorecer a realización de proxectos colaborativos”.
O programa contempla distintas modalidades de axudas para apoiar as mulleres emprendedoras en diferentes fases dos seus proxectos. Así, Emega Emerxe ofrece subvencións de ata 22.000 euros para impulsar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable, tanto por conta propia como allea.
Por outra banda, Emega Impulsa destina ata 17.000 euros para fomentar a reactivación e consolidación de empresas xa constituídas por mulleres, promovendo tamén a implantación de medidas innovadoras que melloren a competitividade. Ademais, Emega Innova conta con axudas de ata 42.000 euros dirixidas a proxectos con base tecnolóxica ou científica, buscando incentivar iniciativas empresariais con contido innovador.
Finalmente, para favorecer a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, o programa inclúe Emega Concilia, unha axuda complementaria de ata 5.000 euros destinada tanto ás promotoras dos proxectos como ás traballadoras por conta allea. Estas axudas están cofinanciadas nun 60% pola Unión Europea dentro do marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.