AFFOU deu apoio a 60 persoas con fibromialxia e fatiga crónica en Ourense a través do seu proxecto de atención psicosocial

Un total de 60 persoas da provincia de Ourense participaron durante o ano 2024 e o primeiro semestre de 2025 no proxecto “Atención psicosocial e rehabilitadora a persoas con fibromialxia e fatiga crónica”, impulsado pola Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense (AFFOU).
A través deste programa, as persoas participantes melloraron de xeito significativo a súa calidade de vida, tanto a nivel anímico como físico. Ademais, este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), permitiu reducir a dor xeneralizada e a fatiga intensa, sintomatoloxía asociada á fibromialxia e á fatiga crónica.
Ambas as enfermidades, explican desde AFFOU, son diferentes, pero presentan unha forma de manifestarse e uns síntomas similares no seu diagnóstico clínico, principalmente relacionados coa dor e a fatiga intensa, aínda que tamén levan asociados outros como problemas cognitivos, depresión, rixidez muscular e trastornos dixestivos.
Tanto a fibromialxia como o síndrome de fatiga crónica son de orixe descoñecida, de carácter crónico, non teñen cura na medicina actual e son enfermidades invalidantes e discapacitantes, cun importante impacto na vida cotiá das persoas que as padecen, afectando aos ámbitos laboral, social e familiar. Ademais, ao tratarse de patoloxías descoñecidas e invisibles, adoitan estar rodeadas dun forte estigma.
AFFOU é actualmente a única entidade a nivel provincial que ofrece atención específica ás persoas afectadas por estas enfermidades e ás súas familias. O seu labor céntrase na atención social, psicolóxica e rehabilitadora, así como na sensibilización e concienciación social. A atención social constitúe o eixo do proxecto, facilitando información, orientación e seguimento individualizado a través do traballo dunha profesional especializada.
Este proxecto enmárcase dentro do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e conta co financiamento da Fundación ONCE. A Confederación encárgase da xestión da subvención, así como do asesoramento e seguimento das iniciativas desenvolvidas polas súas entidades.