65 establecementos da provincia de Ourense beneficiáronse en 2025 das axudas ao comercio da Xunta

OurenseXa
As axudas están destinadas a fomentar a innovación, a dixitalización, a modernización e a sustentabilidade do comercio local, e repartiron 385.000 euros na provincia
axudas-comerio-xunta-ouurense
22 Jan 2026

Un total de 65 comercios e obradoiros artesáns da provincia de Ourense recibiron en 2025 axudas por preto de 385.000 euros destinadas a impulsar a innovación, a dixitalización, a modernización e a sustentabilidade do comercio local. Estas subvencións, que forman parte dunha orde da Xunta de Galicia, buscan axudar ao sector a adaptarse ás novas tendencias de consumo mediante a introdución de tecnoloxías, a mellora dos locais e equipamentos, así como fomentar o compromiso ambiental.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, durante unha visita a un dos establecementos beneficiarios, a floristería Brioenflor, na cidade de Ourense. Pardo lembrou que desde o 16 de xaneiro está aberto o prazo para solicitar as axudas deste ano, que se poden tramitar en liña a través da sede electrónica da Xunta.

O programa, con un orzamento próximo aos 4 millóns de euros, está estruturado en tres liñas de actuación compatibles: dixitalización e innovación comercial; modernización e mellora da imaxe dos locais; e sustentabilidade ambiental, especialmente na reducción dos embalaxes.

Entre as novidades desta convocatoria destacan que unha mesma empresa pode optar a axudas para varias tendas, amplíase o período subvencionable para incluír actuacións desde outubro de 2025 e axilízase a concesión ao esixir menos documentación. Ademais, a axuda pode alcanzar ata o 90 % do custo para os establecementos que formen parte do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.

As accións subvencionables inclúen desde a creación e mantemento de páxinas web, ferramentas de marketing dixital e terminais de autopago, ata obras de reforma, adquisición de maquinaria e melloras enerxéticas. Tamén se apoian investimentos para reducir o impacto ambiental mediante embalaxes sostibles, como caixas de cartón reciclado e bolsas de tea ecolóxica.

Manuel Pardo destacou que estas axudas son “clave para mellorar a competitividade do comercio local e facilitar a súa adaptación ás demandas actuais, sen perder de vista o compromiso co medio ambiente”.

⚙ Configurar cookies
0.083235025405884