84 centros educativos da provincia de Ourense participan no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

OurenseXa
A través deste plan, a Xunta de Galicia apoia as bibliotecas escolares como espazos estratéxicos para mellorar a calidade do ensino
IES As Lagoas, Ourense
IES As Lagoas, Ourense
19 Nov 2024

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o CEIP Virxe de Covadonga, un dos 84 centros educativos da provincia de Ourense que participan no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe).

A través deste plan, a Xunta de Galicia apoia as bibliotecas escolares como espazos estratéxicos para mellorar a calidade do ensino mediante a aportación de recursos tanto para ferramentas de aprendizaxe e recursos para material didáctico.

Neste curso 2024/2025 o Plambe incorpora catro novos centros, que recibirán formación específica e apoio técnico a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Ademais, os 80 centros que renovan a súa participación contarán con axudas para ampliar os fondos bibliográficos, modernizar o mobiliario e equipamentos ou sufragar gastos de mantemento e xestión das súas bibliotecas. 

O obxectivo principal deste programa é transformar as bibliotecas escolares en espazos dinámicos e innovadores, promovendo tanto a comprensión lectora como o hábito lector. A renovación dos recursos busca, ademais, fomentar a creatividade, ampliar as oportunidades de aprendizaxe e consolidar a biblioteca como un apoio esencial para o desenvolvemento das competencias do alumnado. 

As bibliotecas participantes sitúase nos concellos de Allariz, Amoeiro, Avión, Bande, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Boborás, Carbaleda de Avia, O Carballiño, Cartelle, Castrelo do Val, Celanova, Cenlle, Coles, Entrimo, A Guidiña, O Irixo, Laza, Lobios, Maside, A Mezquita, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Ourense, Pereiro de Aguiar, A Pobra de Trives, Rariz da Veiga, Ribadavia, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Cristovo, Toén, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Durante a visita, Judith Fernández puxo en valor o compromiso da comunidade educativa do CEIP Virxe de Covadonga co desenvolvemento da súa biblioteca escolar. “Este centro exemplifica como as bibliotecas poden ser motores de transformación educativa, participando en programas da Xunta como o Plambe, a Biblioteca Creativa e Lectura e Familias”, indicou.

A directora xeral tamén eloxiou o labor de alumnos e docentes, tanto na xestión da biblioteca como na dinamización do club de lectura. Estes proxectos permiten mellorar a inclusión, reforzar a comprensión lectora, empregar distintas fontes de información e potenciar as competencias clave do alumnado. A biblioteca, ademais, está a converterse nun espazo de referencia para toda a comunidade educativa, facilitando o acceso á lectura e contribuíndo a alcanzar maiores éxitos académicos.

0.20416116714478