A 18º Gala da Arbitraxe Galega pon en valor a figura das mulleres

OurenseXa
“O desenvolvemento da igualdade de xénero entre homes e mulleres, xunto coa ruptura de estereotipos no ámbito futbolístico é un dos grandes desafíos que a sociedade ten por diante”
18º Gala da Arbitraxe Galega
23 Jun 2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, participou na inauguración da 18º Gala da Arbitraxe Galega, na que subliñou o papel dos árbitros no desenvolvemento da actividade deportiva, neste caso, o fútbol. “Os árbitros son unha figura clave a nivel deportivo, aínda que non sempre adoitan estar nun primeiro plano de análise como si o está o deportista, dado que durante as competicións son responsables de que o regulamento se cumpra con imparcialidade e xustiza”, relatou.

Manuel Pardo convidou ao auditorio, no que estaban presentes Luís Menor, presidente da Deputación Provincial de Ourense, Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol e Bernardino González, presidente do Comité Técnico Galego de Árbitros, entre outros, a unha reflexión sobre o papel da muller nesta disciplina deportiva, e destacou que nos últimos anos o fútbol feminino foi un dos grandes impulsores da igualdade de xénero no deporte e a pesar de grandes avances, aínda queda moito por cambiar no que se refire á percepción do sexo feminino neste tipo de deporte.

“O desenvolvemento da igualdade de xénero entre homes e mulleres, xunto coa ruptura de estereotipos no ámbito futbolístico é un dos grandes desafíos que a sociedade ten por diante”, avanzou, e suxeriu que “os avances sociais das mulleres en todos os ámbitos resultan evidentes, pero, a pesar da aparente igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, seguen existindo obstáculos que dificultan a igualdade efectiva, non resultando a comunidade arbitral allea a esta realidade”.

O delegado territorial explicou que o primeiro rexistro que atopamos na Secretaría Xeral para o Deporte das licenzas de futbolistas contabilizadas na data da tempada 1994 - 1995. Naquel ano a Federación Galega de Fútbol e a de Fútbol Sala contaban con 61.900 licenzas das que, tan só 930, o 1,5%, eran femininas.

Hoxe, a Federación Galega de Fútbol foi a primeira na nosa historia en exceder as 100.000 licenzas, polo que representa aproximadamente un terzo de todas as persoas que practican deporte federado en Galicia e as mulleres gañaron un peso notable, multiplicándose por dez tanto en número (9.415) como en porcentaxe (10%).

Convocatoria Axudas Galicia-París 2024

Manuel Pardo lembrou tamén que vense de publicar hai un mes a convocatoria Axudas Galicia-París 2024 (Axudas para as persoas convocadas aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París) cun orzamento de 250.000 euros. Como novidade, a iniciativa está dirixida, ademais de ás persoas deportistas, tamén técnicas e adestradoras, xuíces e árbitros que poderán beneficiarse por primeira vez destas axudas.

A medida inclúe sete tipos de axudas de entre 1.500 e 12.000 euros, segundo as funcións que vaia desempeñar a persoa beneficiaria e, no caso dos deportistas, segundo se participaron en anteriores xogos olímpicos ou paralímpicos, e se conseguiron medallas.

Galicia vai camiño de ter unha representación récord nestes XX.OO e PP de París 2024: En torno a uns 70 galegos e galegas están na carreira dos Xogos, e teñen praza asegurada ou marca para optar á súa selección.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18282079696655