A 38ª edición do Campamento Urbano de Ourense desenvolverase do 1 ao 13 de agosto

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación do 38º Campamento Urbano, organizado pola Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración da Concellaría de Xuventude e outras entidades e empresas da cidade. No acto estiveron presentes o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome; a concelleira de Xuventude, Tamara Silva; os coordinadores do campamento, Javier Carballo e Pedro Conforto; o coordinador de Amencer, Xulio Vilar, e o xerente da asociación, Xulio César Iglesias Blanco.
O Campamento Urbano desenvolverase do 1 ao 13 de agosto e está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos. É unha actividade aberta e gratuíta, pero este ano é obrigatorio inscribirse previamente na páxina web da asociación. Os rapaces e rapazas maiores de 15 anos poderán participar tamén no Campamento Urbano Xuvenil, que se celebrará nas mesmas datas.
Baixo o lema “Unha historia con futuro”, o programa ofrece nove días de actividades de mañá, tarde e, no caso dos maiores de 15 anos, tamén de noite. Tres xornadas serán de día completo, de 10:30 a 19:30 horas, e as outras seis terán horario partido, de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas. Cada día contará cunha temática distinta, como o Día da Benvida, o Día da Cultura Urbana, o Día do Parlamento ou o Día da Auga, entre outros.