A 41ª Copa Deputación de Judo pechou a tempada con 200 participantes

OurenseXa
Nesta edición participaron deportistas de clubs da cidade e das escolas de Cambeo, Inmaculada, Allariz e Baños de Molgas
final-copa-deputacion-judo-ourense
Final da 41º Copa Deputación de Judo de Ourense
1 Jul 2025

A tempada 2024-2025 do judo ourensán chegou ao seu fin o pasado sábado, 28 de xuño, coa celebración da última xornada da 41ª Copa Deputación de Judo. A competición celebrouse na pista central do Pazo Paco Paz e reuniu a 200 judokas de toda a provincia, consolidándose un ano máis como a cita máis importante da tempada para este deporte.

A Copa Deputación, organizada pola Delegación Ourensá de Judo e patrocinada integramente polo Servizo de Deportes da Deputación de Ourense, é a principal canteira de novos judokas e supón a primeira experiencia competitiva para moitos dos participantes. As categorías abarcan desde Chupetín ata a categoría xuvenil, mantendo a categoría OPEN, que permite a participación conxunta de rapaces e rapazas.

Nesta edición participaron deportistas de clubs da cidade e das escolas de Cambeo, Inmaculada, Allariz e Baños de Molgas. A pesar das altas temperaturas, a última xornada contou cunha alta participación e cun bo nivel en todos os combates.

Antes do inicio da competición, os tres dúos que participaron no Open do Mediterráneo de Jiu Jitsu —Alicia Pazo e Álvaro Seoane, Carla Seoane e Beatriz Nesi, e Silvia Iglesias e Alicia Caneiro— ofreceron unha demostración do seu traballo internacional.

A Copa Deputación disputouse en tres xornadas puntuables, o 1 de marzo, o 26 de abril e o 28 de xuño, e a asistencia foi clave para a clasificación final. O deputado provincial Rosendo Fernández foi o encargado de entregar as medallas aos campións e a todos os participantes de cada categoría.

Con esta edición cúmprense xa 41 anos dunha das competicións formativas máis consolidadas da provincia, ideada polo Mestre 8º Dan de Judo, Manuel Montero.

0.372633934021