A AECC e o CHUO achegan á poboación a importancia da innovación na investigación do cancro
Con motivo da celebración do día da investigación en cancro, a AECC de Ourense e a Área Sanitaria ourensá organizaron este mércores unha serie de actividades no CHUO para acercar á poboación a importancia de fomentar a innovación como unha das claves para achegar a investigación aos pacientes.
Durante a xornada os usuarios e traballadores do Hospital Universitario de Ourense puideron achegarse á mesa informativa de investigación situada no vestíbulo principal na que comprobaron a relevancia do impacto nas vidas dos pacientes da investigación oncolóxica e a innovación.
Tamén os nenos e nenas ingresadas na planta de pediatría tiveron un divertido obradoiro de ciencia en colaboración con Aventeira na Ciber@ula da unidade.
Por último varios socios e voluntarios da AECC en Ourense gozaron dunha visita guiada polo laboratorio de investigación da Área Sanitaria, que dirixe Dr. Joaquín Cubiella, onde puideron coñecer as liñas de investigación que se están a realizar en Ourense e ao grupo de profesionais que desenvolven a súa actividade científica en GIODO (grupo de investigación en oncoloxía Dixestivo).
Germán Rodríguez-Saá, presidente da Asociación en Ourense, afirmaba que “Conseguir alcanzar o reto de superar o 70% de supervivencia en 2030 necesita un compromiso por parte de todos os ámbitos da sociedade. Para iso é necesario contar e dar a coñecer á cidadanía o papel imprescindible que xoga a investigación oncolóxica e a innovación e ese é o obxectivo dos eventos que impulsamos en Ourense”.