A agrupación local socialista en Ourense convida á cidadanía a participar na elaboración dun Maio

OurenseXa
O recadado pola participación será doado integramente a unha asociación do terceiro sector
os-maios-psoe-ourense
29 Apr 2025

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense participará, por terceiro ano consecutivo, na Festa dos Maios, unha das celebracións máis senlleiras e arraigadas na cultura ourensá. E, do mesmo xeito que nas anteriores ocasións, convidan dende a agrupación local socialista a toda a cidadanía que se anime a aportar o seu gran de area na elaboración do mesmo, que se levará a cabo na sede do partido (rúa Ribeira de Canedo, nº24/26).

O recadado pola participación será doado integramente a unha asociación do terceiro sector, tal e como se decidiu nas edicións pasadas. “A primeira vez entregamos o importe á Asociación Española Contra o Cancro (AECC). A experiencia foi moi gratificante e quixemos repetir doando o gañado a Por Eles Tea en 2024”, lembra a secretaria xeral do PSdeG na cidade, Natalia González Benéitez.

Todas as persoas que desexen aprender como é a elaboración dun maio poderán achegarse á sede o venres e o sábado pola tarde, a partir das 18.00 horas. E o propio domingo, dende as 11.00 horas, a entoar as coplas.

0.16613507270813