A Alameda de Allariz acolle a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’

OurenseXa
A mostra poderá visitarse ata o 13 de xuño e repasa a historia da Casa-Museo de Rosalía
mostra-casa-rosaalia-allariz
Cartel da mostra ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’
3 Jun 2025

Desde este martes, a Alameda de Allariz acolle a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’, unha mostra que percorre a historia deste emblemático museo e lembra o fito colectivo que supuxo, en pleno franquismo, conseguir mercar, restaurar e converter a casa da Matanza nun espazo museístico, grazas á colaboración de milleiros de persoas.

Comisariada por Pepe Barro, autor tamén da museoloxía da Casa-Museo, a exposición poderá visitarse ata o 13 de xuño. A través de paneis e materiais gráficos, a mostra repasa a traxectoria da Casa de Rosalía desde a súa apertura ao público o 15 de xullo de 1971, un feito histório posible pola implicación popular e o apoio tanto de entidades galegas coma da emigración. O Patronato Rosalía, fundado en 1947, converteuse nun espazo de resistencia cultural e galeguismo, organizando actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que funcionaban como encontros simbólicos de afirmación identitaria.

A historia da Casa de Rosalía é, en esencia, a historia dun esforzo colectivo. Tralo falecemento da autora, a casa da Matanza quedou abandonada, e non foi ata 1946 cando Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera lograron mercala. A primeira restauración realizouse en 1951 segundo os planos do arquitecto Gómez Román, pero non foi ata 1971, baixo a presidencia de Sixto Seco e co impulso do arquitecto Fernández-Albalat, cando se inaugurou como Casa-Museo. A dirección e montaxe do museo correu a cargo de Xosé Filgueira Valverde.

O proxecto culminou grazas á extraordinaria resposta social. A proposta, impulsada por José Manuel Rey de Viana no acto do Pedrón de Ouro de 1970, deu lugar a unha campaña de reco-llida de fondos que mobilizou a toda Galicia e á diáspora. Organizáronse colectas populares en vilas e cidades, así como en numerosos centros galegos no exterior. Máis de 60 concellos, entidades financeiras, equipos deportivos como o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e unha multitude de asociacións culturais sumáronse á iniciativa. En total, recadáronse 994.043 pesetas en 1971, unha cifra que testemuña o compromiso e a ilusión compartida por preservar o legado de Rosalía de Castro.

⚙ Configurar cookies
0.18434691429138