A ampliación do horario dos PAC da provincia de Ourense completarase este mes

OurenseXa
Coa implantación prevista neste mes, os PAC de Verín e Valdeorras pasarán a ofrecer atención urxente durante toda a fin de semana, sumándose ao de Ourense
Sergas
8 Apr 2026

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras prevé completar durante este mes de abril a ampliación do horario dos Puntos de Atención Continuada (PAC) aos sábados pola mañá, unha medida que permitirá reforzar a atención urxente durante toda a fin de semana na provincia.

A atención de urxencias na mañá dos sábados está centralizada desde hai anos no PAC de Ourense, un modelo que permitiu estender progresivamente a cobertura a outros dispositivos. Na actualidade, esta organización funciona con normalidade en 12 dos 14 PAC da provincia e ampliarase tamén nas próximas semanas aos distritos sanitarios de Verín e Valdeorras.

Segundo destacan desde a administración sanitaria, esta ampliación responde tanto á adaptación á xornada de 35 horas semanais como ao compromiso voluntario dos profesionais de Atención Primaria, que asumen a cobertura destes dispositivos con normalidade. Así mesmo, sublíñase o papel das melloras laborais e retributivas impulsadas nos últimos anos, que facilitan a continuidade do servizo.

O PAC de Ourense, o de maior actividade asistencial da provincia con máis de 55.000 atencións anuais, leva case seis anos aplicando este modelo con bos resultados e sen incidencias, o que permitiu estender a experiencia ao resto de centros.

Coa implantación prevista este mes, os PAC de Verín e Valdeorras pasarán a ofrecer atención urxente durante toda a fin de semana, beneficiando á poboación dos seus respectivos ámbitos sanitarios, incluídos varios municipios e centros de atención primaria das comarcas.

A provincia de Ourense conta coa maior rede de PAC de Galicia, con 14 dispositivos distribuídos por distintos concellos, ademais de dúas zonas especiais de garda. A ampliación do sistema irá acompañada dun reforzo progresivo de persoal nestes servizos no marco da planificación sanitaria autonómica.

Por outra banda, o acordo de melloras laborais e retributivas acadado na mesa sectorial de sanidade contempla incrementos no complemento de produtividade, con efectos retroactivos desde 2025, así como unha mellora nas retribucións do persoal de enfermaría e da xornada complementaria, co obxectivo de seguir reforzando a atención continuada nestes dispositivos.

0.13651704788208