A Área de Cultura de Afundación programará actividades que promoven o coidado ao medio ambiente nos concellos ourensáns

OurenseXa
Dentro do proxecto 'Corrente cultural', que leva exposicións fóra dos centros de Afundación, programaranse mostras como 'Berces de vida' en Barbadás, 'Auga. O sangue da terra' en Celanova e 'Fauna esencial' en Allariz
Berces_de_vida
Mostra 'Berces de Vida'
6 Ago 2024

A concienciación sobre o coidado do medio ambiente e a promoción de hábitos sostibles constitúe un valor diferencial na programación cultural de Afundación, a Obra Social de ABANCA. Sobre esta base, a Área de Cultura de Afundación deseña unha programación con propostas variadas, dinámicas e innovadoras, que á súa vez proporcionan coñecemento para entender os desafíos ambientais aos que a sociedade se enfronta, e empodera aos máis novos para ser axentes de cambio. Ao involucralos en iniciativas que inclúen a sostibilidade, foméntase un sentido de responsabilidade e pertenza cara á súa contorna. Isto non só crea unha xeración máis consciente e comprometida, senón que tamén inspira a outros a unírense á causa, creando un efecto multiplicador na loita por un futuro máis sostible.

Unha das canles máis potentes para divulgar e sensibilizar sobre a importancia de protexer o medio natural que nos rodea é a programación de proxectos expositivos. Así, ao longo deste ano programaranse numerosas exposicións cuxa temática está estreitamente relacionada coa sostibilidade en 21 lugares de toda Galicia: «Emocións en perigo. Fotografías de Tim Flach», unha serie de fotografías de animais en perigo de extinción retratados desde a emotividade; «Comedy Wildlife», con fotografías seleccionadas do recoñecido premio Comedy Wildlife Photo; e «Lume. Imaxes dunha terra que arde», un proxecto que aborda a problemática dos incendios forestais en Galicia a través de retratos realizados por fotoxornalistas. E dentro do proxecto «Corrente cultural», que leva exposicións fóra dos centros de Afundación, programaranse mostras como «Berces de vida» en Marín, Silleda, A Rúa e Barbadás; «Auga. O sangue da terra» no Val do Dubra, Boqueixón, Celanova, A Laracha, Pazos de Borbén e Cerceda; e «Fauna esencial» en Cuntis, A Pobra de Trives, Allariz, Rianxo e Fene.

As artes escénicas tamén ocupan un papel destacado nas propostas da Obra Social de ABANCA. Son unha das ferramentas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos máis novos, fomentar o diálogo, a reflexión, o desenvolvemento de habilidades sociais e o pensamento crítico. Para o próximo curso escolar 2024/2025, Afundación programou dúas propostas de artes escénicas en sesións para escolares, a obra de teatro de monicreques E entón, un xardín, da compañía Paporrubio, e o concerto RRRedobla. A sinfonía do cambio, de Odaiko Percussion Group.

A estas propostas súmase Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental situado en Vigo no que, a través de máis de corenta módulos interactivos, os visitantes divírtense mentres coñecen e aprenden a protexer o medio no que habitamos.

0.19637799263