A área de xogos do parque José Cornide será renovada cun investimento de máis de 46.000 euros

O Concello de Ourense investirá máis de 46.000 euros na renovación da área de xogos infantís do parque José Cornide, co obxectivo de modernizar o espazo e mellorar as condicións de uso para a cativada.
Os traballos, que está previsto que comecen o vindeiro luns 23 de marzo, inclúen a instalación de novos elementos de xogo, como unha randeeira mixta con asento tipo niño, xogos de peirao e balancíns. Ademais, renovarase o pavimento coa colocación dunha superficie continua de caucho de seguridade e incorporaranse elementos de delimitación e sinalización.
O concelleiro de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo, Francisco Lorenzo, explica que “esta intervención responde ao compromiso do goberno municipal coa mellora dos espazos públicos e, especialmente, daquelas zonas destinadas ao lecer infantil, fundamentais para a convivencia e o benestar das familias”. Neste sentido, engadiu que “seguimos traballando para que Ourense dispoña de áreas infantís máis seguras, accesibles e adaptadas ás necesidades actuais, fomentando espazos de encontro de calidade nos barrios”.
A actuación conta cun orzamento de 46.835,47 euros e terá un prazo estimado de execución de 30 días. Durante este período, habilitaranse as correspondentes medidas de seguridade e delimitarase a zona afectada. O Concello solicita a colaboración da veciñanza e lembra a importancia de respectar a sinalización provisional mentres duren as obras.