A Área Sanitaria de Ourense condena a agresión a dúas profesionais sanitarias do PAC de Maceda

OurenseXa
Dende a dirección explican que se está a prestar apoio ás dúas traballadoras afectadas, que foron agredidas mentres realizaban unha atención urxente a domicilio
Sergas
27 Mar 2026

A dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras expresa a súa “condena firme e rotunda” tras a agresión sufrida por dúas profesionais do PAC de Maceda mentres realizaban unha atención urxente a domicilio.

Segundo trasladou o organismo sanitario, este tipo de comportamentos, xa sexan verbais ou físicos, supoñen “un atentado contra profesionais que desenvolven o seu labor en beneficio da cidadanía”, polo que reiteran que “non hai cabida para a violencia no sistema sanitario público”.

Desde a Asesoría Xurídica da área sanitaria están a prestar apoio ás dúas traballadoras afectadas, acompañándoas nos trámites de denuncia dentro do protocolo de agresións. Ademais, desde a dirección trasladóuselles respaldo tanto institucional como persoal ante os feitos. Paralelamente, iniciáronse actuacións coa institución responsable da tutela da paciente implicada co obxectivo de mellorar a coordinación e garantir a seguridade do persoal sanitario, especialmente nas asistencias a domicilio.

A dirección sanitaria tamén anunciou que intensificará as accións informativas entre o persoal para reforzar o coñecemento dos seus dereitos e dos procedementos a seguir ante este tipo de situacións, así como para incrementar as medidas de protección.
Neste contexto, lembran que a Consellería de Sanidade reforzou recentemente o marco normativo coa aprobación dunha lei de “tolerancia cero” fronte ás agresións no ámbito sanitario, que endurece as sancións contra quen atente contra os profesionais do sistema público.

0.12776899337769